Unha ofrenda floral e a interpretación do himno de Galicia serviron de homenaxe ao matemático e cartógrafo Domingo Fontán no 235º aniversario do seu nacemento. O acto reivindicativo da figura do insigne ilustrado foi promovido pola Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, que preside Concha Méndez, e o Concello de Portas.

O evento comezou pasadas ás 12 do mediodía coa congregación de público e autoridades que foron recibidos polo alcalde, Ricardo Martínez, a concelleira de Cultura, Ana Peña, e membros do equipo de Goberno Municipal na Casa de Cultura Domingo Fontán, en Porta do Conde.

A encargada de ler o pregón foi Rebeca López Méndez, filla da presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, quen fixo unha excelente intervención tomando como referencia a súa experiencia persoal dos últimos 20 anos e todo o que significa para Portas a figura deste insigne erudito.

Rebeca López aproveito a figura de Domingo Fontán para ensalzar a cultura do esforzo, a tenacidade e a constancia como exemplo para as novas xeracións. Ademais renovou públicamente o seu compromiso de “descubrir, divulgar e honrar a figura de Fontán” e o seu compromiso coa “disciplina, a autoesixencia e a ética nos proxectos que emprendeu como valores básicos que hai que reivindicar fronte á fama efímera das redes sociais e o postureo dos influencers”.

López, que tamén tivo palabras de eloxio para a dona de Domingo Fontán, unha muller forte que soubo sacar adiante ela soa á súa familia nas grandes ausencias do matemático, “soubo vivir coa soidade e superar o feito de ser, prácticamente, unha viuva en vida”.

“Ninguén é pequeño loitando por un ideal”, dixo Rebeca López e parafraseou ao premio Nóbel Camilo José Cela para referirse a Galicia decindo “probemos os galegos a sumar e non a restar. Galicia non será grande ata que todos os galegos de común acordo a engrandezamos. Pesemos nunha Galicia grande, visible e que avance”, concluiu Rebeca López.

A continuación, Rebeca López, representantes da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, así como membros da Corporación Municipal, emprenderon a marcha desde a Casa da Cultura ata o monumento dedicado a Domingo Fontán para depositar unha coroa de flores diante da efíxe pétrea ao insigne cartógrafo e matemático. A ese acto sumouse a presidenta da Asociación, Concha Méndez, quen foi a encargada de facer a ofrenda floral xunto a súa filla e ao alcalde.

Finalmente, o Grupo de Gaitas Domingo Fontán de Portas interpretou o himno de Galicia na honra do insigne ilustrado para dar por concluída a homenaxe tributada polo pobo de Portas que mantén vivo na súa memoria ao matemático, político e cartógrafo.

Recomendados