LISTADO DE ADMITIDOS E EXCLUÍDOS PARA A CONSTITUCIÓN DUNHA LISTA DE RESERVA PARA A PROVISIÓN INTERINA DE PRAZAS DE ADMINISTRATIVO, GRUPO C, SUBGRUPO C-1

Visto o Decreto de Alcaldía 2023-0250 do 13/07/2023, polo que se aprobou a convocatoria e as BASES REGULADORAS PARA A CONSTITUCIÓN DUNHA LISTA DE RESERVA PARA A PROVISIÓN INTERINA DE PRAZAS DE ADMINISTRATIVO, GRUPO C, SUBGRUPO C-1.

Visto o anuncio publicado no BOPPO nº 146 do 31 de xullo de 2023.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes e de conformidade co establecido no artigo 21.1.h), da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases de Réxime Local

RESOLVO:

PRIMEIRO.- Aprobar a lista provisional de admitidos/as e excluídos.

SEGUNDO.- De acordo co disposto na cláusula 6 das Bases da convocatoria, as persoas excluídas disporán dun prazo de dous (3) días hábiles, para poder emendar as omisións ou corrixir, no seu caso o defecto que motivou a exclusión.

TERCEIRO.- Publicar a presente resolución na sede electrónica http://portas.sedelectronica.gal do Concello de Portas e na súa páxina web, https://www.portas.gal.

CONSULTA AQUÍ A RESOLUCIÓN:

O XANTAR DA 3ª IDADE DE PORTAS CUMPRE CON ÉXITO DE PARTICIPACIÓN A SÚA 30ª EDICIÓN CON 350 COMENSAIS PROVINTES DAS CATRO PARROQUIAS

O Xantar da Terceira Idade organizado polo Concello de Portas celebrou a súa 30ª edición con gran éxito de participación con máis de 350 comensais que se deron cita no pavillón municipal de deportes nun acto que contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez e membros da Corporación Municipal entre os que estaban a concelleiras Chus Fontán, Ana Peña e Alfonso Vázquez.

En torno ás 12:30 horas, do mediodía, a Banda de Música de Lantaño foi a encargada de abrir o evento e de ir entretendo ás persoas que ían chegando para asistir á misa de campaña oficiada, ás 13 horas, polo cura párroco D. Román quen ensalzou a celebración do Día da Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, e tamén se referiu ao Día da Hispanidade.

Posteriormente, a Banda de Música de Lantaño ofreceu un concerto que serviu de entretemento para as persoa que se foron achegando para poder entrar no pavillón municipal de deportes, lugar habilitado e especialmente decorado para a ocasión e dar acubillo a este Xantar da Terceira Idade.

30 ANOS DUN EVENTO QUE SIRVE DE LUGAR DE ENCONTRO

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, foron os encargados de darlle a benvida oficial aos comensais e agradecerlles a súa presenza neste acto de confraternidade e reecontro veciñal que se afianza como un dos eventos máis entrañables polo concurrido que resulta e pola participación de residentes en todas e cada unha das catro parroquias que compoñen o municipio.

Ricardo Martínez lembrou e honrou aos pioneiros en organizar este encontro, que acada a súa 30ª edición, e sinalou que se convertera nunha festa na que o principal motivo é o reencontro veciñal e a homenaxe aos nosos maiores que son “un exemplo vital da cultura do esforzo e do sacrificio. Grazas a eles somos o que somos e seguimos avanzando”, indicou o alcalde.

A sobremesa completouse cunha gran queimada realizada por Ramón e a animación musical a cargo do Dúo Marema, unha agrupación moi coñecida na comarca que se caracteriza pola súa empatía co público e a súa diversión.

O CONCELLO DE PORTAS AFRONTA A NUMERACIÓN DAS VIVENDAS DO MUNICIPIO PARA FACILITAR A IDENTIFICACIÓN DAS CASAS SEN CUSTE ALGÚN PARA OS VECIÑOS

O alcalde do Concello de Portas, Ricardo Martínez, comunicou a través dun bando á veciñanza que nestes días se está a proceder a colocación, por parte dunha empresa autorizada, da nova numeración que rexirá para todos os domicilios do municipio sin custe algún para os veciños.

Deste xeito, o Concello de Portas está a levar a cabo traballos de dixitalización da numeración municipal e a colocación nun lugar visible das fachadas dos inmobles dunha placa coa inscrición do lugar, parroquia e do número de cada vivenda.

Así, o Concello non so trata de dixitalizar a numeración senón que pretende tamén dar solución a problemas de identificación dalgúns enderezos, ademais de unificar cun modelo oficial de placa os números dos inmobles permitindo así unha mellor localización dos mesmos para as distintas administracións, servizo de correos, ambulancias, bombeiros, empresas de reparto, servizos de emerxencia, etc.

Todo este procedemento non ten custo algún para os veciños xa que o Concello asume todo o gasto a través dunha actuación subvecionada polo Plan Concellos 2022-23 da Deputación Provincial de Pontevedra.

O CONCELLO DE PORTAS RECIBE UNHA SUBVENCIÓN EUROPEA PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ

O Concello de Portas foi beneficiario da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea.

O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento 

O resultado que se pretende acadar é facilitar a  inclusión social e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.

CRUZ VERMELLA E O CONCELLO DE PORTAS POÑEN EN MARCHA UN OBRADOIRO DA MEMORIA PARA PERSOAS MAIORES DE 65 ANOS

Cruz Vermella, en coordinación co Concello de Portas, desenvolverá un obradoiro de memoria dirixido ás persoas maiores de 65 anos neste concello, os venres de 17 a 18:30 horas a partir do 20 de outubro.

Coa finalidade de fomentar o envellecemento activo, realizaranse actividades de estimulación cognitiva co obxectivo de previr, mellorar ou compensar o deterioro cognitivo que pode producirse coa idade.

  • LUGAR: CASA DE CULTURA
  • PRAZO DE INSCRICIÓN: 10 – 19 DE OUTUBRO
  • PRAZAS LIMITADAS (mínimo 15 persoas-máximo 25 persoas)
  • HORARIO: VENRES DE 17:00- 18:30 H.
  • COMEZO TALLER: 20 DE OUTUBRO
  • ACTIVIDADE GRATUITA