
O Concello de Portas aprobou hoxe, en Pleno Extraordinario, unha declaración institucional respaldada por unanimidade por todos os grupos da Corporación Municipal en defensa do municipio e da súa veciñanza fronte ao proxecto da Variante Oeste de Caldas de Reis e acceso ao Porto de Vilagarcía de Arousa, publicado no BOE o pasado 17 de xullo.
O alcalde, Ricardo Martínez Chantada, mantivo a pasada semana unha reunión informativa coa veciñanza afectada, que contou cunha ampla participación. Neste encontro, explicou en detalle o proxecto, escoitou as inquedanzas e recolleu as propostas e demandas de primeira man, “porque esta batalla só se pode gañar estando todos xuntos e facendo da voz da xente o noso maior argumento”, subliñou.
A unidade política lograda no Pleno de hoxe tradúcese nun apoio firme ás alegacións presentadas polos veciños e veciñas de Portas, que alertan do grave impacto que as alternativas de trazado contempladas (S1, CS-2, C-3a e C-3b) suporían para o concello: fragmentación de núcleos rurais, afección a vivendas, terras agrícolas e recursos hídricos, destrución de zonas de cultivo e forestais autóctonas, demolición de infraestruturas e un forte impacto ambiental e paisaxístico, todo isto sen mellorar realmente o acceso á AP-9 nin reducir a accidentalidade.
O rexedor salientou que “hoxe demostramos que en Portas as cores políticas non existen cando se trata de defender o noso territorio e á nosa xente. Estou orgulloso da unanimidade acadada e da resposta exemplar dos nosos veciños e veciñas. Este Concello estará sempre ao seu lado e ao fronte desta reclamación, esixindo solucións máis respectuosas e xustas”, engadiu.
REXEITAMENTO DA VECIÑANZA A UN PROXECTO CON GRAVE IMPACTO SOCIAL
O Concello de Portas reiterou o seu rexeitamento ás alternativas de trazado que afectan ao municipio e solicitou á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que estuden opcións máis curtas, menos custosas e, sobre todo, respectuosas co territorio e coa veciñanza. Ademais, reclama que se teñan en conta, con carácter prioritario, as alegacións xa presentadas polos veciños de Portas.
Ricardo Martínez sinalou que “esta declaración institucional recolle a voz unánime do Pleno” e reiterou que “non imos permitir que a Variante da N-640 destrúa o futuro de Portas nin o modo de vida da nosa xente. Estaremos en todas as instancias que faga falta para que esta voz sexa escoitada”.