OS CONCELLOS DE CAMPO LAMEIRO, MORAÑA E PORTAS POÑERÁN EN MARCHA UN IRMANDAMENTO XUVENIL A TRAVÉS DUNHA VIAXE AO PARQUE NATURAL DE IGUAZÚ, EN SUDAMÉRICA

A reunión terá lugar o mércores 18 de febreiro ás 19:30 horas na Casa da Cultura de Portas e a viaxe terá lugar do 20 ao 29 de marzo.

O intercambio xuvenil internacional que baixo o título “Irmandade entre culturas”, terá lugar do 20 ó 29 de marzo no Parque Nacional de Iguazú, con actividade en Arxentina, Brasil e Paraguai. Este programa, organizado conxuntamente polos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas, está destinado a mozas e mozos empadroados con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer outras realidades socioculturais, lingüísticas e económicas, así como para fomentar valores como a cidadanía activa, a solidariedade e a tolerancia.

O intercambio desenvolverase na cidade de Puerto Iguazú (Misiones, Arxentina), con extensións a Brasil e Paraguai, e incluirá actividades culturais, institucionais e de convivencia, así como visitas ó Parque Nacional de Iguazú e ás Cataratas tanto pola vertente arxentina como brasileira, entre outras experiencias formativas e de coñecemento da contorna.

Cada concello realizará un reunión informativa previa onde se explicarán as condicións de participación, o proceso de inscrición, a documentación necesaria, así como todos os aspectos organizativos do intercambio. A reunión permitirá resolver dúbidas e garantir que as persoas interesadas dispoñan de toda a información precisa para formalizar correctamente a súa solicitude.

Anímase a mocidade a aproveitar esta oportunidade de crecemento persoal, aprendizaxe intercultural e representación do municipio nun proxecto de proxección internacional que reforza os lazos da amizade entre territorios e culturas.

BASES PARA INTERCAMBIO XUVENIL: “IRMANDADE ENTRE CULTURAS”

O CONCELLO DE PORTAS DISPÓN XA DO III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DE MULLERES E HOMES QUE TERÁ UNHA VIXENCIA ENTRE O ANO 2026 E 2029


O Concello de Portas dispón xa do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes (2026-2029) co que se pretende desde a adminstración local dar resposta aos novos desafíos sen perder de vista os logros acadados. Este plan, que recolle tanto actuacións xa consolidadas como novas medidas derivadas da diagnose participativa, ten como finalidade impulsar unha transformación real no municipio. A súa elaboración e desenvolvemento baséanse na colaboración con entidades locais, persoal técnico, centros educativos e coa implicación directa da veciñanza. 

III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DE MULLERES E HOMES (2026-29)

O ANTIGO CONSISTORIO REABRE AS SÚAS PORTAS COMO NOVO ESPAZO PÚBLICO AO SERVIZO DA VECIÑANZA TRAS UNHA REHABILITACIÓN INTEGRAL

O Concello de Portas inaugurou a rehabilitación do antigo edificio da Casa Consistorial, que pasa a contar cunha nova vida como espazo público moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e do alcalde e deputado provincial, Ricardo Martínez, así como veciños e membros da Corporación Municipal.

A obra contou cun orzamento total de arredor de 231.000 euros, dos cales 176.500 euros procederon do PON2030 e os 54.500 restantes da anualidade 2024 do Plan +Provincia. A intervención permitiu transformar o antigo inmoble nun edificio enerxeticamente eficiente, cunha nova cuberta, portas e ventás renovadas, así como sistemas de calefacción e ventilación que melloran o confort térmico durante todo o ano. O resultado é un edificio público de calidade, moderno e funcional, pensado para o uso veciñal.

Ademais da mellora dos servizos públicos, a inauguración serviu para render homenaxe a unha figura clave da historia local e do municipalismo galego. O edificio leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, Dona Concha, primeira alcaldesa da historia de Portas e tamén de Galicia. “Estamos a resituar a figura de Dona Concha no lugar que merece: mestra querida e pioneira na política e na igualdade”, subliñou o presidente da Deputación.