O CONCELLO DE PORTAS DISPÓN XA DO III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DE MULLERES E HOMES QUE TERÁ UNHA VIXENCIA ENTRE O ANO 2026 E 2029


O Concello de Portas dispón xa do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes (2026-2029) co que se pretende desde a adminstración local dar resposta aos novos desafíos sen perder de vista os logros acadados. Este plan, que recolle tanto actuacións xa consolidadas como novas medidas derivadas da diagnose participativa, ten como finalidade impulsar unha transformación real no municipio. A súa elaboración e desenvolvemento baséanse na colaboración con entidades locais, persoal técnico, centros educativos e coa implicación directa da veciñanza. 

III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DE MULLERES E HOMES (2026-29)

O ANTIGO CONSISTORIO REABRE AS SÚAS PORTAS COMO NOVO ESPAZO PÚBLICO AO SERVIZO DA VECIÑANZA TRAS UNHA REHABILITACIÓN INTEGRAL

O Concello de Portas inaugurou a rehabilitación do antigo edificio da Casa Consistorial, que pasa a contar cunha nova vida como espazo público moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e do alcalde e deputado provincial, Ricardo Martínez, así como veciños e membros da Corporación Municipal.

A obra contou cun orzamento total de arredor de 231.000 euros, dos cales 176.500 euros procederon do PON2030 e os 54.500 restantes da anualidade 2024 do Plan +Provincia. A intervención permitiu transformar o antigo inmoble nun edificio enerxeticamente eficiente, cunha nova cuberta, portas e ventás renovadas, así como sistemas de calefacción e ventilación que melloran o confort térmico durante todo o ano. O resultado é un edificio público de calidade, moderno e funcional, pensado para o uso veciñal.

Ademais da mellora dos servizos públicos, a inauguración serviu para render homenaxe a unha figura clave da historia local e do municipalismo galego. O edificio leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, Dona Concha, primeira alcaldesa da historia de Portas e tamén de Galicia. “Estamos a resituar a figura de Dona Concha no lugar que merece: mestra querida e pioneira na política e na igualdade”, subliñou o presidente da Deputación.