
O Concello de Portas inaugurou a rehabilitación do antigo edificio da Casa Consistorial, que pasa a contar cunha nova vida como espazo público moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e do alcalde e deputado provincial, Ricardo Martínez, así como veciños e membros da Corporación Municipal.
A obra contou cun orzamento total de arredor de 231.000 euros, dos cales 176.500 euros procederon do PON2030 e os 54.500 restantes da anualidade 2024 do Plan +Provincia. A intervención permitiu transformar o antigo inmoble nun edificio enerxeticamente eficiente, cunha nova cuberta, portas e ventás renovadas, así como sistemas de calefacción e ventilación que melloran o confort térmico durante todo o ano. O resultado é un edificio público de calidade, moderno e funcional, pensado para o uso veciñal.
Ademais da mellora dos servizos públicos, a inauguración serviu para render homenaxe a unha figura clave da historia local e do municipalismo galego. O edificio leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, Dona Concha, primeira alcaldesa da historia de Portas e tamén de Galicia. “Estamos a resituar a figura de Dona Concha no lugar que merece: mestra querida e pioneira na política e na igualdade”, subliñou o presidente da Deputación.











