O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, visitaron as obras de construción da nova Base de Unidade Operativa (BUO) que a Xunta de Galicia está a executar en Portas, unha infraestrutura destinada a reforzar a prevención e a capacidade de resposta fronte aos incendios forestais na contorna.

Durante a visita ás obras, os responsables municipais puideron comprobar o avance desta actuación, que conta cun prazo de execución estimado de doce meses e cun investimento total de 1.086.954,75 euros. A iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e conta cun cofinanciamento do 80 % a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

O alcalde Ricardo Martínez destacou a importancia desta infraestrutura para mellorar a protección do territorio e a seguridade da veciñanza. “Estas novas bases operativas suporán unha mellora importante na capacidade de resposta fronte aos incendios forestais, permitindo unha organización máis eficiente dos medios de extinción e reducindo os tempos de intervención cando se produce unha emerxencia”, sinalou.

Martínez subliñou tamén que actuacións como esta son fundamentais nun territorio cunha forte presenza forestal como o da comarca. “Estamos a falar dun investimento estratéxico que reforza a prevención e a seguridade dos nosos montes, pero tamén a protección das persoas e das vivendas do noso entorno rural”, engadiu.

Pola súa banda, o tenente de alcalde Alfonso Vázquez puxo en valor a importancia da colaboración institucional para facer realidade este tipo de proxectos. “Esta actuación é un claro exemplo de cooperación entre administracións. A implicación da Xunta de Galicia, co apoio do Goberno de España e da Unión Europea a través dos fondos FEADER, permite que cheguen ao territorio rural infraestruturas fundamentais para mellorar a xestión forestal e a loita contra os incendios”, explicou.

Vázquez lembrou ademais que as BUO permitirán unha mellor planificación dos dispositivos de prevención e extinción, facilitando o traballo dos profesionais que actúan nos montes galegos e incrementando a eficacia dos operativos.

A construción destas bases en Portas e Valga forma parte da estratexia de reforzo da rede de infraestruturas destinadas á defensa do monte galego, apostando por máis prevención, máis medios e unha mellor coordinación na protección dun dos principais recursos naturais do territorio.

Recomendados