A Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán celebrou cunha ofrenda floral no monumento do insigne xeógrafo e matemático de Portas para lembrar o 233º Aniversario do seu nacemento no que participou a presidenta da entidade, Concha Méndez Domínguez, e o alcalde Ricardo Martínez, o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, a concelleira Ana María Peña e o ex rexedor Víctor Estévez.

Os participantes nesta homenaxe comezaron o acto cunha concentración no Museo Domingo Fontán e, en comitiva, acompañada polo grupo de gaitas de nome homónimo, foron avanzando ata chegar aos xardíns da Praza de Domingo Fontán onde está ubicada unha estatua na honra deste destacado veciño da Ilustración española.

No momento en que chegou a comitiva uníuselles a ela a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez Domínguez, quen acompañou ao alcalde, Ricardo Martínez, na realización da ofrenda floral diante do recordo pétreo en memoria do insigne matemático galego do século XIX.

Unha vez alí, o grupo de gaitas Domingo Fontán, de Portas, interpretou o himno galego que foi seguido con solemnidade polos presentes nun acto emotivo e sinxelo marcado polas restricións obrigadas pola pandemia da Covid-19. Así, os asistentes gardaron o distanciamento social e ían todos provistos de máscaras.

Ao rematar o acto o alcalde, Ricardo Martínez, departeu con varios membros da asociación presentes no acto e ensalzou a figura de Domingo Fontán como a máis senlleira de Portas e o matemático e xeógrafo máis importante na historia de Galicia.

Recomendados