O Concello de Portas acometerá en breve a mellora de camiños en Cachal (Lantaño) a través do Plan Marco impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.
Estas obras de mellora saíron a contratación por un prezo de licitación de 51.551,98 euros e foron adxudicadas á empresa Covsa por un importe total de 37.565,93 euros ao ser a oferta máis acaída ao pliego de condicións. Un total de 11 empresas concursaron neste proceso que permite abaratar dun xeito substancial o custe total das obras con respecto ao orzamentado.
Os traballos que se acometerán agora nos camiños en Cachal, na parroquia de Lantaño, enmárcanse dentro do obxectivo xenérico destinado a reforzar o tecido social e a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, así como a dinamizar o tecido produtivo e fixar poboación ao tempo que se poñen en marcha obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais.
A intención do Concello de Portas é mellorar estas infraestruturas rurais porque xeran cohesión social e territorial, melloran as condicións de vida e traballo no medio rural. Así, estes camiños rurais que se van a mellorar en Cachal facilitan a accesibilidade e vertebran interiormente o territorio e, por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias.
Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a colaboración da Xunta na acometida destas obras é fundamental para que concellos como o noso poidan resolver problemas de mantemento e de conectividade interior no municipio favorecendo a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural con infraestruturas e viais de comunicación á altura das nosas necesidades”.