Centos de veciños convocados de xeito unánime polos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal (PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE) manifestáronse polas rúas de Portas para protestar contra a decisión de Abanca de pechar a única oficina bancaria da que dispón o municipio a partir do 22 de setembro.
Abreu a manifestación unha pancarta unitaria encabezada polo alcalde e os voceiros dos grupos municipais que compoñen a Corporación cun lema no que se denunciaba o peche dos servizos bancarios no mundo rural e reclamaban a permanencia da sucursal. A continuación, colocáronse os os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e de Campo Lameiro, Carlos Costa, así como a deputada autonómica Lupe Murillo e varios edís destes concellos así como de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.
Unha vez que a manifestación chegou ata o lugar que ocupa a sucursal de Abanca, os concentrados fixeron un círculo entorno a fachada da oficina bancaria para escoitar un manifesto da Corporación Municipal lido polo alcalde, Ricardo Martínez.
O manifesto unitario indicaba que “non somos os primeiros en sufrir este atropelo e, por desgraza, tampouco seremos os últimos en padecer unha decisión unilateral e inxusta como a que está a tomar a Dirección de Abanca. Acudimos aquí a amosar o noso rexeitamento total a unha política empresarial que está a producir un grave dano no tecido económico e social no mundo rural afondando na perda de servizos e no despoboamento da Galicia e da España rural”.
“Estamos aquí para apoiar aos nosos maiores que teñen problemas para se defender co caixeiro automático e coa banca electrónica, pero tamén estamos aquí para solidarizarnos coas persoas que terán que desprazarse a outros concellos a oficinas que están xa de por si saturadas de xente e onde hai que agardar longas colas para sacar o noso diñeiro”, recolle o manifesto.
“Tamén queremos estar ao lado dos nosos emprendedores, dos pequenos comercios que verán moi mermada a súa operativa diaria coa perda da única oficina bancaria que temos no municipio, unha oficina que ten experimentado un crecemento exponencian de clientes e que atrae mesmo a veciños e veciñas doutros concellos que se achegan ata Portas pola comodidade e profesionalidade do servizo”, leu o rexedor.
DEFENSA DO APORTE SOCIAL PARA GALICIA QUE TIVERON AS CAIXAS DE AFORROS
No manifesto tamén se incluiu unha parte adicada ao papel social das caixas e tamén dos bancos. “Portas é o hoxe o seguinte na lista, pero non por iso imos deixar de protestar e de reivindicar un trato xusto para os nosos veciños e veciñas. Os novos directivos de Abanca parecen querer esquecer o tradicional compromiso social que históricamente supuxeron as caixas de aforros na construción de Galicia. Agora, transformadas en bancos, as súas lexítimas aspiracións de facer negocio non pode supoñer a perda de servizos básicos e fundamentais para a poboación como a atención bancaria”.
“Non estamos dispostos a ser cómplices co noso silencio do desmantelamento do rural. Portas non vai calar e nós imos garantir que imos loitar ata o final para que a sucursal de Abanca non peche o próximo 22 de setembro. Desde a Corporación Municipal non deixamos de descansar un so día para emprender o camiño do diálogo, facer chamamentos á reconsideración desta decisión por parte da Dirección de Abanca e de buscar o amparo de tódalas institucións posibles para impedir que Portas se quede sen servizo bancario”.