O recinto da emblemática Azucreira de Portas convertirase este domingo 13 de febreiro no escenario onde se disputará o Campionato Provincial de Campo a Través correspondente ao programa XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que foi presentado esta mañá coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez.
Un total de 627 participantes pertencentes a 25 entidades diferentes participarán nesta proba nas diferentes categorías: benxamín, alevín, infantil e cadete. Despois de dous anos de parón debido á pandemia, volve a celebrarse esta competición que estará marcada polo establecido no protocolo FISICOVID.
Faranse saídas por quendas dun máximo de 20 participantes exceptuando na categoría cadete na que haberá unha saída feminina e outra masculina.
As probas comezarán as 10:15 horas coa carreira cadete feminina rematando as 12:30 horas coa carreira benxamín masculina. As distancias serán de 2.300 m. para os cadetes; 1.800 m. para infantís; 1.300 m para alevíns e de 800 m. para benxamíns.
En xogo estará a clasificación para o Campionato Galego que se celebrará o domingo próximo na localidade lucense de Lourenzá. Os dous mellores equipos e os dez mellores individuais de cada categoría e sexo obterán a clasificación para participar na final autonómica.