O Auditorio da Azucreira de Portas acolleu a presentación do libro de Juan Fernando Laguarta Badía, “Banda de Música de Lantaño”, nun emotivo acto que contou coa presenza de numeroso público, do alcalde, Ricardo Martínez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o autor do traballo de investigación e recopilación e o editor José Luís Teófilo.

O acto comezou coa proxección dun vídeo preparado por Teófilo Edicións con imaxes da Banda de Música de Lantaño ao longo dos 150 anos de existencia e que serviron de introdución ao acto. Tomou a palabra José Luís Teófilo quen nun emotivo discurso lembrou a súa relación persoal durante a infancia coa súa nai cando percorrían xuntos no verán o concello de Portas e a parroquia de Lantaño e fixo un alegato na defensa da identidade dos pobos, da experiencia do pasado e reflexionou sobre a importancia de coñecelo para “saber de quen somos e de onde vimos” para trazar un exitoso futuro.

Teófilo confesou sentirse en Portas como na súa casa, en Vilaxoán, e destacou que este era o quinto traballo que realizaba tendo como protagonista a este territorio e así lembrou a biografía e a reprodución de mapas debuxados polo xeógrafo universal Domingo Fontán e mesmo anunciou que está a traballar na edición dun libro infantil ilustrado sobre a figura deste galego ilustrado universal. Rematou a súa intervención cun emocionado “viva Portas agora e sempre!”

Despois de interpretar unha peza a Banda Música Unión de Lantaño, tomou a palabra un emocionado Juan Fernando Laguarda Badía quen agradeceu á Xunta, Concello e a Teófilo Edicións o seu traballo e colaboración para que saíra á luz o traballo de investigación atesourado e recopilado durante toda unha vida e que comezou a raíz de que o autor do libro fora gardando infinidade de recortes de prensa das noticias que tiñan como protagonistas ás bandas de Lantaño.

Laguarta Badía, que prácticamente desde o berce mamou o amor pola música e por esta institución xa que o seu pai, José Laguarta, foi director da Banda Unión desde o ano 1944 ata 1976, desglosou a historia desta agrupación musical desde as súas orixes, a finais do século XIX, cando Ricardo Candán Fernández, “Candango”, fundou a primeira das bandas que viñeron funcionando en Lantaño e pasando por diversas vicisitudes ata confluir, na postguerra no que hoxe é a Banda de Música Unión de Lantaño.

No seu traballo recolle os 404 nomes dos músicos que ao longo do tempo estiveron ligados ás bandas dos Viñas, dos Pozas, Os Rebeldes ata chegar á Banda Unión. Rescatou para o numeroso público presente e para a memoria colectiva de Portas os nomes daqueles impulsores da música de banda e que desde Lantaño foron unha referencia para Galicia enteira. Falou de mestres da música como Ricardo Candán Fernández, “O Candango”; os Vilas (Eligio, Álvaro e Hermógenes), Amador Piñeiro Buceta, Os Poza, Fiúza, , ata chegar á fusión na Banda de Música Unión de Lantaño con Andrés Méndez, Bernardino Buceta e Nemesio Méndez e con Andrés Blanco “Rebornecho”, como o seu primeiro director.

Tamén fixo referencia moi emocionada ao periodo no que o seu pai, José Laguarta ocupou a dirección da Banda e que se prolongou entre os anos 1944 e 1976, con diversas fases, e que motivou o aplauso cariñoso de todo o auditorio.

Juan Fernando Laguarta falou tamén do extraordinario labor levado a cabo pola Banda de Lantaño como semilleiro de grandes músicos e compositores e así pediu un forte aplauso para un dos que estaba presentes, Eligio Vila, “un dos mellores compositores de Galicia e de toda España”. Tamén falou de Antonio Caldas, Adonis Ferreiro, Marcial Fontán, etc.

Contou varias anécdotas sobre a rivalidade e os enfrontamentos previos vividos entre as bandas dos Vilas e dos Pozas antes da ansiada consumación da “Unión” e tamén dos distintos concursos a nivel de toda Galicia aos que se presentaban e que contribuíron a darlle o gran nome e fama que esta Banda acadou en toda Galicia.

Finalizou a súa intervención agradecendo as mostras de cariño e pedindo unha forte aperta para Alejandro García Pacheco, o actual director da Banda de Música Unión de Lantaño, a quen agradeceu os seus esforzos por manter a continuidade da agrupación e do alto nivel dos seus compoñentes.

En actitude recíproca, Alejandro García agradeceu as ensinanzas e o legado que recibían os novos compoñentes da historia de 150 anos da Banda de Música Unión de Lantaño e obsequiou a Juan Laguarta co estreno dun pasodobre titulado “A D. José”, en homenaxe ao seu pai e ao mesmo autor deste libro que se presentou hoxe en Portas.

O acto concluíu coa intervención do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, quen destacaron o labor e o amor que Juan Laguarta profesa desde sempre á música en xeral e á Banda de Lantaño en particular e agradeceron a súa memoria e o seu esforzo para publicar este traballo que formará parte das bibliotecas de conservatorios, centros educativos e será unha guía sobre a historia das bandas de música en toda Galicia.

Recomendados