O alumnado do CPI Domingo Fontán de Portas conmemorou o 25-N, Día Internacional pola eliminación da Violencia de Xénero contra as Mulleres, con diversos actos reivindicativos entre os que destacan a lectura dun manifesto por parte do alcalde, Ricardo Martínez, e a confección dun mural a base de tarxetas escritas polos nenos e nenas con “desexos” e consignas pola supresión da violencia de xénero.

O acto contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, a concelleira Ana Peña Maquieira, o director do CPI Domingo Fontán, Luís Villaverde Platas e o corpo docente así como a totalidade do alumnado que tamén colaborou na elaboración dunha bugambilla da cal os nenos nenas foron pendurando debuxos das súas mans en solidariedade coas vítimas da violencia de xénero.

No manifesto, lido polo alcalde, fixo fincapé no compromiso explícito que o Concello de Portas ten en contra da violencia de xénero e instou ás novas xeracións a medrar en igualdade, con respecto e rexeitando calquera comportamento agresivo e díxolles que “vós sodes o futuro e tedes un importante papel por diante que non é outro que contribuír co voso esforzo a construir unha sociedade mellor e un futuro en igualdade, respectuoso e non violento”.

Finalmente, Ricardo Martínez sinalou que “todos temos que poñer todo o que poidamos da nosa parte para impedir que exista violencia no mundo, especialmente contra as mulleres e as nenas. Temos que ser corresponsables todos dun novo modelo de comportamento onde o respecto, a igualdade e o bo trato entre homes e mulleres sexa o camiño por onde nos teñamos que conducir sempre”.

Recomendados