Portas Sostible e o Concello de Portas volven organizar para este domingo 23 de abril o tradicional “Mercado das Pulgas” que estará instalado na Azucreira, na Avda. da Estación, e onde poderán participar de xeito gratuíto todo tipo de postos de artesanía, artigos de segunda man, etc.

Este mercadillo de segunda man achega todo tipo de artigos e produtos para que o público poida mercalos e darlles outra oportunidade. Asimismo tamén é un espazo que pon a disposición dos emprendedores o Concello de Portas para que poidan expoñer os seus produtos e favorecer o intercambio económico e a economía circular.

Esta actividade está organizada por “Portas sostible” e o Concello de Portas e pode participar de xeito gratuíto quen queira cun stand previa solicitude chamando ao teléfono 986 53 69 25.

Outra das novidades que haberá nesta edición do “Mercado das Pulgas” é a incorporación dun pulpeiro coa intención de que aquelas persoas que se animen a dar unha volta polos postos poidan tamén degustar un dos produtos gastronómicos máis tradicionais e habituais dos eventos de intercambio comercial destas características.

Con esta iniciativa, o Concello de Portas pretende tamén dinamizar o tecido económico do municipio e darlle unha nova oportunidade a artigos e produtos vencellados ao mercado de segunda man e que no “Mercado das Pulgas” teñen un espazo e un escenario ideal para poder levalo a cabo.

Recomendados