A Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán e o Concello de Portas homenaxearán este domingo 23 de abril, a partir das 12 do mediodía, á figura do matemático, cartógrafo e ilustrado nado hai 235 anos en Porta do Conde cunha serie de actos entre os que destacan unha ofrenda floral diante do seu monumento.
O evento dará comezo ás 12 do mediodía coa congregación de público e autoridades que presenciarán o pregón que correrá a cargo, nesta ocasión, de Rebeca López, filla de Concha Méndez, presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán.
A continuación, representantes da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, así como membros da Corporación Municipal, depositarán unha ofrenda floral diante do monumento ao insigne cartógrafo e matemático por mor do 235 aniversario do seu nacemento.
Despois das intervencións protocolarias en lembranza do ilustrado galego, interpretará o himno galego o Grupo de Gaitas Domingo Fontán de Portas que dará por rematado o acto de homenaxe a este insigne fillo do concello de Portas.
Pola súa banda, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, animou á veciñanza a participar neste acto de homenaxe e memoria colectiva de todo un pobo á figura de Domingo Fontán, un home que naceu aquí, que reivindicou o seu berce e que supuxo para Galicia e para España un referente en materia cartográfica e intelectual do seu momento. “Lembramos con orgullo como desde lugares tan modestos como o noso se pode aportar ao mundo xenios e intelectuais da talla de Domingo Fontán o cal debe de ser un exemplo para as novas xeracións, as mellor formadas da nosa historia, para que emprendan o camiño da innovación, a investigación e o estudio como medio de aportar grandes cousas á nosa sociedade. Nestas datas homenaxeamos e recordamos a Domingo Fontán e seguro que os que veñan detrás de nós tamén o seguirán facendo pola importancia que o seu labor tivo no seu momento para o coñecemento de Galicia e para España enteira”, indicou o alcalde de Portas.