O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, denuncia graves danos producidos por actos vandálicos nos tellados das escolas unitarias de Lantaño e Romai a escasas horas do comezo do curso escolar. Os operarios terán que actuar sobre as cubertas destes edificios para retirar as tellas rotas, recolocar as que están movidas e repoñer os sistemas de suxeción para garantir a súa seguridade.
Uns descoñecidos arroxaron esta semana palés de madeira que causaron graves destrozos nos tellados, con rotura de tellas e o desprazamento de zonas da cuberta que poñen en serio risco a estas instalacións municipais.
Ricardo Martínez considera un grave atentado contra o patrimonio público estas accións realizadas por desaprensivos a escasas horas de dar comezo ao novo curso escolar e nuns edificios que dan cobertura e servizo aos nenos e nenas de Lantaño e Romai, que son os que fan uso destas instalacións.
Operarios municipais procederán a partir deste luns a reparar os desperfectos causados nas cubertas así como a correxir o corrimento das tellas existentes que deixaron nun estado de deterioro importante o tellado destas instalacións educativas.
Os traballos levaranse a cabo coa máxima preocupación e tomando as máximas medidas de seguridade para garantir que os cativos poidan acudir ao centro educativo e non causar ningún percance ás familias á hora de conciliar a vida laboral coa familiar. Nestes momentos hai matriculados uns 18 nenos e nenas entre as dúas escolas unitarias que prestan un gran servizo educativo e social á veciñanza.
O rexedor cualificou o feito de grave e sinalou que “é unha broma de mal gusto atentar precisamente contra unhas instalacións que van ser utilizadas por nenas e nenos moi cativos e que prestan un servizo moi importante desde o punto de vista da facilitación da vida familiar e laboral así como a primeira escala na formación dos nosos nenos e nenas polo que deberían de ter un mínimo de respecto”.
O alcalde solicitou a colaboración veciñal para identificar aos autores destes feitos tan lamentables para poñelos en coñecemento da autoridade e que responsan dos seus actos.