O alcalde do Concello de Portas, Ricardo Martínez, comunicou a través dun bando á veciñanza que nestes días se está a proceder a colocación, por parte dunha empresa autorizada, da nova numeración que rexirá para todos os domicilios do municipio sin custe algún para os veciños.

Deste xeito, o Concello de Portas está a levar a cabo traballos de dixitalización da numeración municipal e a colocación nun lugar visible das fachadas dos inmobles dunha placa coa inscrición do lugar, parroquia e do número de cada vivenda.

Así, o Concello non so trata de dixitalizar a numeración senón que pretende tamén dar solución a problemas de identificación dalgúns enderezos, ademais de unificar cun modelo oficial de placa os números dos inmobles permitindo así unha mellor localización dos mesmos para as distintas administracións, servizo de correos, ambulancias, bombeiros, empresas de reparto, servizos de emerxencia, etc.

Todo este procedemento non ten custo algún para os veciños xa que o Concello asume todo o gasto a través dunha actuación subvecionada polo Plan Concellos 2022-23 da Deputación Provincial de Pontevedra.

Recomendados