O Concello de Portas e a Axencia de Turismo de Galicia asinaron un convenio por importe de 50.000 euros mediante o cal se destinarán estes cartos á adquisición de terreos na Azucreira destinados a desenvolver actividades de índole turística e cultural ao aire libre.

O Concello de Portas manifestou a necesidade extraordinaria de asistencia por parte da Xunta de Galicia no seu afán de contar cunha superficie máis ampla na que desenvolver as actividades culturais, de lecer e ocio ao aire libre que se veñen desenvolvendo ao longo do ano, polo que ve necesario a adquisición de terreos na parroquia de Portas, para dotar deses servicios á poboación do municipio.

Nesa parcela desenvólvense na actualidade numerosas actividades (escola infantil, centro de día, auditorio e salas de exposición no edificio da Azucreira, ademais de contar un edificio destinado a piscina municipal, unhas pistas de pádel e un xardín), as cales, contan cos seus espazos abertos ou cerrados diferenciados, deixando pouco terreo libre para desenvolver outro tipos de actividades recreativas, culturais ou de lecer.

Nos últimos anos, estanse a desenvolver numerosos espectáculos públicos e actividades recreativas e culturais, que fomentan o turismo e atraen a un amplo número de visitantes a esta pequena localidade. Estas actuacións precisan dun maior espazo libre para o seu correcto funcionamento, motivo polo cal, o Concello se ve na necesidade de adquirir a parcela colindante, ao ser a única que non se atopa edificada, e que presenta unha superficie suficiente para acoller este tipo de instalacións.

Recomendados