PRESENTADA A NOVA EDICIÓN DE PORTAMÉRICA QUE REUNIRÁ OS DÍAS 13, 14 E 15 DE XULLO A 15.000 PERSOAS DIARIAS EN PORTAS

Este mediodía tivo lugar a presentación oficial da nova edición de PortAmérica na que estiveron o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, que asistía ao seu primeiro acto oficial desempeñando ese cargo, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, Juan Martínez Inchausti, de patrocinios musicais Estrela Galicia; Pepe Solla, chef e comisario do Showrocking; e Kin Martínez e Carlos Rodríguez, directores de Esmerarte Industrias Creativas e PortAmérica.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, deulles a benvida a todos e agradeceu que a organización de PortAmérica volvera a elixir este municipio para celebrar un dos mellores e máis importantes festivais de música no só de Galicia senón de España. Martínez salientou a importancia que este festival ten para a promoción exterior da imaxe de Portas desde un punto de vista turístico e de dinamización da economía local.

O 90% das entradas xa se atopan vendidas e a ocupación hostaleira na comarca atópase ao 100% para os días do Festival, entre o 13 e o 15 de xullo, segundo a organización. Tamén están practicamente esgotadas as entradas para a zona de acampada e o aparcadoiro de autocaravanas e furgonetas xa colga o cartel de completo.

A organización lembra que o Festival xera 250 empregos directos e máis de 600 indirectos. As estimacións establecen o gasto medio por visitante sobre os 400 euros, cun prezo medio dos abonos do PortAmérica de 70 euros. Tamén lembran que máis de 15.000 persoas diarias pasarán por Portas para asistir aos concertos e ás actividades de PortAmérica.

O inicio desta edición contarán con propostas musicais para todas as idades e para distintos estilos musicais co foco establecido na viaxe de ida e volta Europa – América Latina.

Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Loquillo, Deluxe, Bad Gyal, Jorge Drexler, A M.Ou.D.A ou M-Clan soarán ao ritmo das cociñas do multipremiado ShowRocking, unha iniciativa gastronómica onde máis de 35 chefs de alto nivel e 14 Estrelas Michelin, como Anxo León, Martina Puig Vert, Maca de Castro ou Javi Oleiros, baixo a dirección de Pepe Solla, ofrecerán unha degustación de máis de 20.000 petiscos a prezos populares creados expresamente para o PortAmérica. O toque doce figura na selección de Pastelería, da man dalgúns dos mellores profesionais reposteiros. Ademais están previstas actuacións sorpresa.

O CONCELLO DE PORTAS PON EN MARCHA O NOVO PROGRAMA “CÓIDOME” PARA PREVIR A VIOLENCIA DE XÉNERO E PROMOVER A IGUALDADE

O Concello de Portas quere por en marcha un novo programa: Cóidome. Un programa de intervención e prevención da violencia de xénero e promoción da igualdade de oportunidades. Consta de dúas liñas de traballo: unha centrada nos autocoidados persoais e outra na defensa persoal feminina (pilates, yoga, risoterapia, etc.)

  • A metodoloxía será activa  realizando diversas dinámicas, activas  e participativas.
  • Poboación: mulleres maiores de idade do Concello de Portas
  • Horario: Martes e Xoves de 10:30-11:30
  • Lugar: Casa de Cultura/ Pavillón
  • Prazo de inscrición: 3 de xullo ao 13 de xullo.
  • Teléfono: 662 620 397 (Rosa)

O PROGRAMA “LER CONTA MOITO” DA XUNTA CHEGA A PORTAS CON VARIAS ACTIVIDADES A DESENVOLVER DURANTE O MES DE XULLO

Dentro das actividades programadas polo Concello de Portas para este verán figuran varias que chegan ao concello por mediación do Programa “Ler conta moito” da Xunta de Galilcia”. Así, o vindeiro xoves 13 de xullo ás 12 horas na Biblioteca Pública Municipal terá lugar o espectáculo “ANTOLOXÍA DE DESPROPÓSITOS” do Mago Martín.

✅ “A BIBLIOTECARIA ESTRAFALARIA” de Cris de Caldas o luns 17 de xullo ás 12:00h na Biblioteca Pública Municipal.

Actividades GRATUÍTAS. Esperámosvos a tod@s!!!

O CONCELLO DE PORTAS LOGRA UNHA SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDR PARA ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DO ANO 2023

A Deputación de Pontevedra, dende o Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos, ven de conceder unha subvención ao Concello de Portas por importe de 4.199,05 euros, para cofinanciar o proxecto de publicación do libro infantil “MULLERES DA NOSA TERRA”, que homenaxea a figura de María Concepción Pérez Iglesias, “Doña Concha”, rexidora de Portas nomeada o 9 de xaneiro do ano 1925, primeira alcaldesa de Galicia e unha das pioneiras en acceder a este cargo en España.

RICARDO MARTÍNEZ RECIBE O APOIO MAIORITARIO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE PORTAS PARA REPETIR COMO ALCALDE DE PORTAS

A Corporación Municipal de Portas constituise esta mañá con total normalidade e procedeu á elección de alcalde que recaiu novamente en Ricardo Martínez Chantada renovando así a confianza maioritaria dos concelleiros e concelleiras que forman a Corporación Municipal.

Ricardo Martínez logrou o apoio dos sete concelleiros do PPdeG o que lle permite renovar o seu mandato por outros catro anos máis. Martínez accedeu como concelleiro á Corporación Municipal de Portas no ano 2015 e foi elixido alcalde por primeira vez no ano 2019. Agora revalida o seu mandato ampliando o respaldo electoral en canto a sufraxios e tamén en canto ao número de concelleiros, con un total de 7. O BNG dispón de 2 edis e o PSdeG-PSOE ten outros dous concelleiros.

O MÚSICO E CANTANTE GALEGO ROI CASAL ESTARÁ NA AZUCREIRA DE PORTAS O VINDEIRO 20 DE MAIO ÁS 20 HORAS CUN CONCERTO COS SEUS ÚLTIMOS ÉXITOS

O músico e cantante galego Roi Casal actuará no Auditorio da Azucreira de Portas o vindeiro sábado 20 de maio, a partir das 20 horas, nun concerto promovido polo Concello de Portas e coa colaboración da Deputación a través do Plan Musigal.

Roi Casal aínda que é moi novo atesoura unha gran experiencia musical que vai desde o seu paso polo mítico grupo folck galego Milladoiro ata a súa última incursión polos ritmos caribeños co seu espectáculo “Son galego son cubano”, en colaboración e homenaxe ao escritor galego afincado en Cuba, Xosé Neira Vilas, xa falecido.

Roi Casal fará un percorrido en Portas polos seus éxitos e tamén amosará novos temas que forman parte do seu espectáculo.

A VECIÑANZA DE LANTAÑO HONROU A SAN PEDRO MÁRTIR CUNHA CONCURRIDA PROCESIÓN ENTRE OS CRUCEIROS DO CULEBRÓN E PAREDES

Os veciños e veciñas de Lantaño (Portas) honraron a San Pedro Mártir cunha concurrida procesión entre os cruceiros do Culebrón e de Paredes, á que acudiron o alcalde, Ricardo Martínez, e varios membros do equipo de goberno, así como a Banda de Música Unión de Lantaño.

A procesión partiu desde a Capela de San Pedro Mártir, unha vez rematada a misa solemne, e os veciños foron ocupando os seus postos nas ringleiras para acompañar ás imaxes no percorrido desde o cruceiro do Culebrón ata o de Paredes onde os devotos deron a volta acompañados pola Banda de Música Unión de Lantaño ata concluir de novo fronte ao templo relixioso.

A continuación a Banda de Música Unión de Lantaño amenizou a xornada cun concerto mentras se procedía a repartir entre os asistentes un aperitivo que foi compartido polos numerosos veciños da parroquia que se deron cita neste lugar.

UNHA CAPELA MUNICIPAL

Esta celebración se enmarca dentro do acordo de doazón da capela de San Pedro Mártir ao Concello de Portas feita polos señores Gándara Gómez e Remedios Junquera Gómez, herdeiros da familia Buceta Quintáns, mediante o cal o templo pasaba á propiedade municipal estando obrigado a administración local a promover un acto destas características na honra de San Pedro Mártir.

ÉXITO TOTAL DO CONCERTO DE ÓSCAR IBÁÑEZ NA AZUCREIRA DE PORTAS, QUE MARCOU O INICIO DA SÚA XIRA MÁIS INTERNACIONAL

O público disfrutou ao máximo co concerto do gaiteiro e frautista galego Óscar Ibáñez celebrado na Azucreira de Portas, unha actuación que serve para dar a saída oficial á xira máis internacional deste artista que soubo gañarse o aplauso e a admiración dos asistentes ao espectáculo.

Óscar Ibáñez actuou coa súa banda en directo “Tribo” e incorporou ao seu espectáculo a varios músicos locais que participaron con ilusión compartindo varias pezas especialmente adaptadas para este concerto.

Co seu espectáculo “Da Terra”, Óscar Ibáñez repasou algún dos temas máis destacados dos seus discos “Alén do mar” e “Aires de Pontevedra” entre o aplauso do público.

UNHA OFRENDA FLORAL E A INTERPRETACIÓN DO HIMNO GALEGO SERVIRON DE HOMENAXE DE PORTAS A DOMINGO FONTÁN NO 235 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Unha ofrenda floral e a interpretación do himno de Galicia serviron de homenaxe ao matemático e cartógrafo Domingo Fontán no 235º aniversario do seu nacemento. O acto reivindicativo da figura do insigne ilustrado foi promovido pola Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, que preside Concha Méndez, e o Concello de Portas.

O evento comezou pasadas ás 12 do mediodía coa congregación de público e autoridades que foron recibidos polo alcalde, Ricardo Martínez, a concelleira de Cultura, Ana Peña, e membros do equipo de Goberno Municipal na Casa de Cultura Domingo Fontán, en Porta do Conde.

A encargada de ler o pregón foi Rebeca López Méndez, filla da presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, quen fixo unha excelente intervención tomando como referencia a súa experiencia persoal dos últimos 20 anos e todo o que significa para Portas a figura deste insigne erudito.

Rebeca López aproveito a figura de Domingo Fontán para ensalzar a cultura do esforzo, a tenacidade e a constancia como exemplo para as novas xeracións. Ademais renovou públicamente o seu compromiso de “descubrir, divulgar e honrar a figura de Fontán” e o seu compromiso coa “disciplina, a autoesixencia e a ética nos proxectos que emprendeu como valores básicos que hai que reivindicar fronte á fama efímera das redes sociais e o postureo dos influencers”.

López, que tamén tivo palabras de eloxio para a dona de Domingo Fontán, unha muller forte que soubo sacar adiante ela soa á súa familia nas grandes ausencias do matemático, “soubo vivir coa soidade e superar o feito de ser, prácticamente, unha viuva en vida”.

“Ninguén é pequeño loitando por un ideal”, dixo Rebeca López e parafraseou ao premio Nóbel Camilo José Cela para referirse a Galicia decindo “probemos os galegos a sumar e non a restar. Galicia non será grande ata que todos os galegos de común acordo a engrandezamos. Pesemos nunha Galicia grande, visible e que avance”, concluiu Rebeca López.

A continuación, Rebeca López, representantes da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, así como membros da Corporación Municipal, emprenderon a marcha desde a Casa da Cultura ata o monumento dedicado a Domingo Fontán para depositar unha coroa de flores diante da efíxe pétrea ao insigne cartógrafo e matemático. A ese acto sumouse a presidenta da Asociación, Concha Méndez, quen foi a encargada de facer a ofrenda floral xunto a súa filla e ao alcalde.

Finalmente, o Grupo de Gaitas Domingo Fontán de Portas interpretou o himno de Galicia na honra do insigne ilustrado para dar por concluída a homenaxe tributada polo pobo de Portas que mantén vivo na súa memoria ao matemático, político e cartógrafo.

XOGUETES, ROUPA, DECORACIÓN E LIBROS COPARON O “MERCADO DAS PULGAS” NA AZUCREIRA DE PORTAS

Xoguetes, roupa, decoración e libros foron os principais artigos que se puxeron á venda nos 25 postos que participaron nesta edición do Mercado das Pulgas en Portas instalado este domingo 23 de abril na Azucreira, na Avda. da Estación.

Este mercadillo de segunda man achega todo tipo de artigos e produtos para que o público poida mercalos e darlles outra oportunidade. Asimismo tamén é un espazo que pon a disposición dos emprendedores o Concello de Portas para que poidan expoñer os seus produtos e favorecer o intercambio económico e a economía circular. Esta actividade estivo organizada por “Portas sostible” e o Concello de Portas.