Parroquia de Santa María de Portas
A parroquia de Santa María de Portas é a máis poboada do municipio cun total de 944 veciños e veciñas agrupados nos lugares de Barreiro, Bouza, Cachada, Casal, Currás, Estación, Fontáns, Liñar, Moureira, Outeiro, Parada, Paradela, Paraíso, Pazos, Peroxa, Piñeiro, Porta do Conde, Quenlla, Rapeira, Salaceda, San Xoán e Souto.
No Monte do Castro, no lugar de Piñeiro atópase un castro da Idade do Ferro, cun só recinto habitacional, con defensas naturais de terraplén. No interior obsérvanse restos de pedras en disposición de muros. Atopáronse no seu interior fragmentos de cerámica castrexa, muíños de man e anacos de ladrillo.
Coa chegada dos romanos inícianse os tempos históricos, e con eles a primeira evidencia escrita da existencia dun asentamento humano no concello de Portas.
Restos romanos topáronse na Estación e en Parada (Sta. Mª de Portas). En Parada un muíño de man completo e unha peza doutro, máis restos de cerámica.
Segundo un artigo publicado por Purificación Rodríguez no blog “Historia de Portas”, con respecto á Estación hai unha nova publicada en “La Opinión” o 10 de marzo de 1899 di: “Atopáronse dous ladrillos de gran tamaño e con marcas, recollidos por D. Xosé Búa dunha sepultura romana achada con ocasión dos traballos da vía férrea. Fronte á mesma estación do ferrocarril en dirección norte, comprobouse a existencia de sepulcros de tégulas”.
Durante o período Altomedieval mantéñense as vías romanas e xorde como centro de organización espacial a vila que se pode identificar co que hoxe é a aldea cuns límites precisos e marcados. A vila aparece integrada por un conxunto de casais. Como testemuña desta forma de asentamento conservamos varios topónimos no concello entre eles o Casal en Santa María de Portas.
Na Idade Media, en Santa María de Portas tivo o mosteiro de Armenteira unha granxa coñecida como Granxa Paraíso (topónimo que se conserva). Fernando II, en 30 de abril de 1165 dona ó mosteiro de Armenteira a herdade chamada Paradisus, que esta en “Sanctam Mariam de Portis”. Noutro documento da mesma data confirma a mesma doazón e a que do lugar de Paradisus fixera ó mosteiro Juan Arias e Urraca Fernández. No ano 1347 os monxes de Armenteira aforaron a uns veciños de Lantaño a granxa cedéndolle tamén os dereitos sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites dela.
Segundo relata o historiador vilanovés xa falecido Xosé Lois Vila Fariña, neste mesmo blog baixo o nome de “Historia de Portas”, os actuais concellos son unha creación de finais do século XIX. Suprimidas as históricas Xurisdiccións, as mesmas dan paso ós actuais “Concellos”.
A patria chica de Domingo Fontán, pertenceu á chamada “Xurisdición de Peñaflor”, integrada polas parroquias de Portela, Curro, Agudelo, Baliñas, Romai, Portas, San Andrés de Cesar, Gargantáns, San Martiño de Laxe, Santa Xusta de Moraña, Cosoirado, Santa Cruz, Chozas, Rebón, Barro e Perdecanai.
Actualmente integran o Concello de Portas as entidades parroquiais de Briallos, Lantaño, Portas e Romai.
O Padre Sarmiento e o nome de "Portas"
As orixes desta parroquia ó igual que o de todos os pobos de Galicia, son farto confusos e nebulosos. O Padre Sarmiento na súa “Viaxe a Galicia”, realizado polos anos 1754-1755, alude á posible orixe desta zona:
“Portas feligresía, a la derecha está la iglesia. Aquí se registran tres puertas o entradas para el territorio de Salnés. Yo entré por el medio. A mi izquierda quedaba una puerta entre dos montes, y otra a la derecha por donde van unidos los ríos Umia y Avermaña, a la Puente Arnelas y Salinas. Así creo que a eso aludió el nombre de Portas”.
A primeira referencia documental sobre esta zona, segundo a documentación do Museo de Pontevedra, arranca do ano 1115, data na que Ramiro Muñiz fai entrega á catedral de Santiago, entre outras igrexas e vilas da “vila de Portas”.
Do 30 de abril de 1165 coñécese unha escritura de doazón outorgada polo Rei Fernando II de León ó Mosteiro de Armenteira. Nela concede o monarca ós monxes e ó abade Don Ero a herdade chamada PARADISUS, sita en Santa María de Portas.
“Coñecemos o lugar de Paraíso en Portas -sinala o historiador Don Hipólito de Sa Bravo, onde os monxes de Armenteira tiveron unha pequena granxa que no ano 1347 aforaron a uns veciños de Lantaño, cedéndolles tamén os dereitos de pesca que os monxes tiñan sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites da granxa do Mosteiro”.
Con anterioridade a estas datas, Portas formou parte do disperso hábitat das diversas agrupacións tribais do Salnés, e ás que convencionalmente se lles asigna co nome de CILENOS, que teñen a súa capitalidade unha vez que Roma asentou os seus cuarteis nestes lares, foi a veciña vila de Caldas de Reis.
No seu día os traballos dos arqueólogos Gil e Casal e de López Cuevillas, sacaron a luz os restos de núcleos no Monte Mourenta, lugar de Casal en San Pedro de Lantaño.
Non debemos así mesmo pasar por alto os asentamentos castrexos existentes en Santa María de Portas: Monte do Castro, Parada, Portadeconde, Outeiro, etc.
O Arquivo Parroquial de Santa María de Portas
Noutro artigo, Xosé Lois Vila Fariña fala sobre o Arquivo Parroquial de Santa María de Portas do que di que é moi reducido. Pode asegurarse que cabe todo nunha arqueta de pequenas dimensións. Os libros máis antigos de Portas son tres: un que comeza o 15 de agosto de 1595 e termina o 4 de febreiro de 1637, e outro que comeza o 15 de decembro de 1785. O de Defuncións, o máis antigo, comeza o 23 de Agosto de 1767 e termina o 21 de marzo de 1811. O de Casamentos comeza o 16 de setembro de 1809 e termina o 30 do mesmo mes de 1861. O de Fábrica, o ano 1809. Hai un Libro de Mandatos, de Misas de fundación, sobre o preito da casa da Peroxa acerca dos límites da parroquia; das Confrarías do Rosario, de San Sebastián, do Santísimo, das Animas, da Virxe do Carme, de San Xoán Bautista, de San Roque e dos Dolores, un de Veredas; oito cadernos de Partidas Sacramentais postas despois que os franceses queimaron os libros parroquiais; un expediente da obra da Igrexa e un caderno con nove follas de papel pertencentes á capela das Animas, etc.
Portas durante a guerra contra os franceses
Foi esta parroquia víctima tamén das tropas francesas, que invadiron Galicia o año 1809, ó mando do xeneral Soult. Este, deixando a Ney parte de Portugal, pasando por Santiago, Caldas de Reis e Pontevedra. González e Zúñiga, na súa “Historia de Pontevedra”, páx. 239, sinala que “no seu tránsito por estes pobos, non fixo outra cousa que levar a todos eles e ós comarcáns a desolación, a fame e a miseria; pois roubando ós paisanos os seus grans, forraxes e gandos, puxo todo o país na maior consternación e tamén excitou entre os seus naturais una alarma xeral”.
Tales feitos motivan o que se alcen en contra dos invasores todas as xurisdiccións, entre elas a de Peñaflor e a vila de Caldas de Reis. A loita é cruel. Os franceses castigan duramente os lugares e parroquias que non queren someterse. Testemuña elocuente é o que consignou en o Libro de Defuncións, anos de 1767 a 1811, folio 163, o párroco de entón, coa seguinte advertencia:
“En este presente año de mil ochocientos y nueve, con motivo de las sangrientas guerras que los inhumanos franceses tienen con nuestra España pasaron estos infames a cebar su rabia por todos medios, tomando por uno de ellos la destrución de este Reyno de Galicia, para lo que se han valido de la atrocidad de incendiar los pueblos, iglesias y matar sus havitantes, con particularidad quanto eclesiástico encontrasen. Entre otras muchas parroquias ha tocado a ésta fatal desgracia; pues en la mañana del día nueve de Mayo de dicho año, como perros de rabia han entrado en ella por distintos puntos, poniendo fuego a las casas y frutos, derramando vinos y saqueando quanto havía de ellas, y con tanta ligereza que apenas los vezinos tubieron lugar a reservar su vida, de modo que han muerto muchos, tanto en esta parroquia como en las inmediatas; que en el mismo día han padecido esta ruina, llegando el número de las casas quemadas en esta freguesía a ciento treinta y ocho, poco más o menos, inclusa la Rectoral, en la que con los más interesantes ha perecido porción de Libros, tanto del cura, como de la Yglesia, por haver entrado al fuego en el sitio en donde estaban reservados. Y han sido los tocantes a la Yglesia, los de quentas de la Fábrica, los de la Cofradía del Santísimo Sacramento, los de San Sebastián, o de la Virgen del Rosario, uno de la apuntación de la limosna que se recoge en la capilla de San Juan en el día del santo; todos los de casados; todos los de difuntos, a excepción de éste que principia con la partida de Alberto de Piñeyro, marido de Alberta de Villar, vezino del lugar de Corvello, que se sepultó en veinte e tres del mes de Agosto del año de 1767, siendo cura Dn. Albaro Benito de Rivera; los de Baptizados, excepto también el de uso, que principia con la partida de Andrea, hija de Alberto y Ortigueira y Dominga de Oliveira, su muger, cuia fué bautizada en quinze del mes de Diciembre del año de 1795, firmada de Dn. Joséff Antonio Lorenzo e Alfonsín, teniente cura, siendo Don Gregorio Thadeo Rey, cura propio; y también quedó uno de la Fábrica del año de 1604. Y para que conste en lo sucesivo, como Cura lo advierto e anoto, en doze de Julio de dicho año de mil ochocientos y nueve. Bernardo del Río y Lema (Rubricado)”.
Os veciños mortos polos citados franceses foron: Paula Rodríguez, José Antonio Alonso, Martín Magariños, Alberto Martínez, Pedro de Barreira, Manuel Buceta, Gregorio Cachafeiro e María Benita do Rego, que os sepultaron o día 10 do mencionado ano de 1809; e en o 13 e 17 de xuño foron tamén mortos e sepultados Domingo Buceta e Juan de Barreira. (RECUERDOS DA GUERRA DA INDEPENDENCIA.-DEMASIAS DOS INVASORES, por o Bachiller Pérez, “Diario de Galicia”, Santiago, 29 de agosto de 1917).
Segundo relatan as crónicas do momento, a loita contra os franceses foi cruenta e longa. Os franceses incendiaban todo aquelo que encontraban ó seu paso. O Arquivo parroquial de Portas, ó igual que outras moitas igrexas e monumentos das inmediacións, foron pasto das chamas, de aquí que non se conserve a partida de bautismo de Domingo Fontán.
Igrexa de Santa María de Portas
A igrexa parroquial de Santa María de Portas é de estilo románico de século XII, segundo se desprende dunha inscricións que se conserva datada no ano 1180. Consta dunha nave e unha ábside rectangular, arco triunfal e outro secundario apuntados, apoiados en semicolumnas adosadas.
No testeiro da ábside ten unha xanela de arquivoltas semicirculares sobre columnas apoiadas nas xambas.
Da súa primeira etapa poden contemplarse uns fermosos vans flanqueados por columnas con capiteis historiados, así como unha serie de canecillos no beirado e dúas figuras de San Pedro e San Pablo flanqueando a entrada ao atrio. Un retablo barroco do XVIII adorna o centro do presbiterio. Desde este último pode contemplarse unha fermosa vista do val.
Pazo da Peroxa
Dentro da parroquia de Santa María de Portas atopámonos cos antigas construcións que pertenceron á antiga Casa e Torre dos señores da Peroxa, vinculada á liñaxe de Mosquera Caamaño e Castro, que en sucesivos enlaces entroncan cos Montenegro, os Somoza, os Bermúdez, os Seixas e os Zúñiga.
Hoxe o que antes era e se designaba como «lugar de a Peroxa», nos termos da parroquia de Caldas, é desde o século pasado da parroquia de Portas. En pé, aínda que en estado ruinoso, o que foron Casa e Torre dos Mosquera de Castro e Caamaño, que dentro do recinto tiñan a súa correspondente Capela. Chama poderosamente a atención a portada brasonada, que se abre no muro que se estende pola parte frontal da entrada. Sobre ela destacan tres escudos cos brasones da liñaxe dos señores da Peroxa. Na parte central, un a todo cuartel coa árbore e as lanzas dos Caamaño, á súa dereita, outro de forma circular con catro participacións e as armas dos Villardefrancos, Ribadeneira, Mosquera e unhas figuras circulares que non sabemos a súa significación. Como timbre a serea dos Mariño. No lado esquerdo, hai un terceiro coa mesma forma e timbre e as armas dos Maza, Soutomaior, Figueroa e Somoza. Vese que nos escudos da entrada da Casa Torre quíxose sinalar a relación da liñaxe da Peroxa coa Casa do Curuxal e a do Mayorzgo de San Marcos de Perdecanai, pois as armas que hai nos escudos das mencionadas Casas repiten as armas dos escudos da fachada do pazo da Peroxa.
Despois de pasar o portalón exterior atópase unha ampla explanada que separa dúas edificacións. A da dereita de planta baixa con dependencias que tiñan no extremo a capela, e no lado oposto unha casa de baixo e unha planta que se cerraba con alta torre, que daba fronte ás hortas e prados, estendidos ata as beiras do río, e á explanada da entrada da Capela. O edificio da torre ten na súa fachada un escudo acuartelado cos brasones dos Bermúdez, Montenegro, Gayoso e Suárez de Deza. A torre conserva tan só os muros, pero é fácil observar que tivo no seu interior unha parte baixa con comunicación co exterior, xa que se ven os ocos das portas. Unha primeira planta, onde debía estar o fogar ou cociña, pois aínda perdura o oco correspondente ó desafogo do fogón en forma de cheminea e a segunda planta con ventás e unha porta de comunicación co piso da casa inmediata. Dise que nos sotos da torre había un túnel de comunicación que chegaba ata o río. A gran cantidade de escombros que hai tanto no interior da torre como na parte exterior elevan considerablemente o plano do terreo e do piso baixo, quedando soterradas as portas e algunha ventá, e por eso non se pode coñecer a existencia do mencionado conducto subterráneo e que a súa entrada estaría no soto da torre.
A torre ten planta cadrada con muros de sillería uniforme, coroados por un aleiro con molduras, e gárgolas nos ángulos. Ventás abertas nos frontes que están independentes da casa con que se comunicaba, e dúas portas laterais, unha das que daba a unha edificación, hoxe completamente derruída, que estaba pegada polo lado sur e da que aínda se ven parte dos muros e unha das ventás do fronte do nacente. Pola estructura dos muros se deduce que a torre formou parte dunha edificación de carácter defensivo, á que uniron unhas dependencias de amplitude señorial, cercadas coa suntuosidade dunha gran portada pacega, coroada con ameas e a típica cruz central, servindo de coroamento ós escudos que destacan sobre o portalón de entrada.
Nun espacio que está máis baixo que o plano da torre, cara a planicie por onde corre o río de Portas, hai outra casa tamén pertencente á familia dos señores da Peroxa. A súa planta é cadrada e o paramento dos muros consérvase perfectamente pola solidez dos seus sillares. Na planta baixa, divisións de cantería, separando as adegas, a cociña e outras dependencias, unha escaleira interior conduce ós dous pisos, nos que aínda que quedan en pé as habitacións ás que se abrían as correspondentes ventás. No segundo piso, un amplo balcón da luz á sala central, con carácter de ser a dependencia principal da casa pola súa situación e as súas dimensións. O balcón ofrece a extraordinaria perspectiva dun despexado panorama de hortas, o curso do río, viñedos e montes das parroquias de Portas, Santa María de Caldas e Arcos da Condesa. Conserva o forte e antigo cerre de ferro e na parte central da parede o escudo familiar a tres particións. Na da dereita a árbore coas lanzas dos Caamaño, e nas da esquerda as cinco cabezas de lobo dos Mosquera e os seis roeles dos Castro. Como peza interesante e antiga o chamador da porta de entrada da casa, obra perfecta de artesanía dos primeiros tempos da casa.
Pazo de Souto de Poio
Outra das construcións señorais que se conservan na parroquia de Santa María de Portas é o Pazo de Souto de Poio, pertencente a D. José Luis Piñeiro y Salvidegoitia, XI conde de Canillas, mercé á carta de sucesión expedida en 16 de abril de 1971.
A primitiva entrada, orientada cara o nordeste, ábrese no muro de cerre da finca e que bordea a pista asfaltada pola que tamén se accede a un primeiro portalón con porta de arco adovelado; un camiño bordeado por abundante foresta conduce a un segundo portalón, situado a man esquerda e de factura similar ó anterior, a partir do cal o camiño se quebra en ángulo recto e, salvando un terceiro e último portalón -tamén con porta de arco de medio punto de dovelas, brasonado por partida dobre e coroado por almenas -unha das cales leva esculpido o anagrama “JHS”-, sitúanos no amplo patio que se dispón ante a fachada do edificio principal, constituído por un corpo rectangular do cal as plantas baixa e alta as define exteriormente unha moldura corrida que se quebra a modo de alfiz para salvar a dovelaxe do arco de medio punto que perfila a porta. A este corpo de edificación, polo seu extremo dereito, atópase unida a torre, de planta lixeiramente cuadrilonga, cumprido contrapunto defensivo dotado dunha altura máis que aquel cunha porta, que parece réplica da da casa, e ventás nas súas plantas superiores; cóbrese con teitume a catro vertentes e, á altura do aleiro, complétase cunha batería de gárgolas que lle imprimen carácter de canoneira.
Pola súa parte S.O., o patio limita cun edificio secundario, de planta en “L”, habilitado como vivenda. Cara o lado oposto ten o seu emprazamento o hórreo de madeira, sostido por 8 pares de pes, e, dando fronte á torre, o edificio destinado a capela, máis alá do cal está o pombal, en estado ruinoso e cuberto pola maleza. Non moi lonxe encóntranse a fonte e o lavadoiro.
O conxunto, pola súa calidade arquitectónica, dependencias anexas e entorno, é merecedor de que as reparacións que os seus propietarios acometeron, fai xa bastantes anos, teñan continuidade e se completen cunha rehabilitación integral.
Escudos existentes
En Souto de Poio tense a oportunidade de someternos a un verdadeiro exercicio de práctica heráldica, pois contabilizamos ata oito escudos, todos eles cuartelados en cruz, distribuídos así:
Fachada principal.- Tres escudos ó nivel do piso superior; no da esquerda están representadas as armas dos Prego de Montaos, Figueroa, Valladares -armas que se repiten nun dos escudos do citado pazo de Agüeiros- e un cuarto liñaxe que non puidemos determinar: sobre unhas ondas, unha figura masculina, de perfil, mira cara a destra e vai tocada coun sombreiro con pluma, que recorda a forma dos tiroleses, e se apoia nunha espada que leva na súa man dereita; está acompañada, nos cantóns do xefe, dunha estrela no destro- e dunha venera -no sinistro-; tras ela, un cuadrúpede sostense sobre as súas patas traseiras. As armas que figuran no segundo escudo, situado sobre a porta principal, corresponden ós Prego de Montaos, Valladares, Castro e Sarmiento. As do terceiro, situado moi cerca da torre, repite as anteriores, pero alterando a orde no dos cuarteis: Prego de Montaos, Castro, Valladares e Sarmiento.
Torre.- Un escudo entre as dúas ventás da planta superior exhibe as armas dos Varela, Ulloa, Sotomayor e Mariño, liñaxe este que se ve reforzado pola sirena que o rodea cos seus brazos.
Edificio secundario inmediato.- Á dereita da súa fachada principal, tamén abrazado pola sirena dos Mariño, un quinto escudo leva por armas as dos Varela, Barbeito, Sotomayor, Mariño e Padrón.
Capela.- Esculpido sobre a porta practicada no seu frontis, é o máis pequeno de todos e repite armas dos Prego de Montaos, Ulloa, Castro e Lobeira.
Terceiro portalón.- O escudo da esquerda representa a mesma heráldica que o da fachada do edificio principal citado en terceiro lugar, esto é, Prego de Montaos, Castro, Valladares e Sarmiento; o da dereita leva por armas as de Varela, Ulloa, Mariño e Sotomayor, ademais da sirena dos Mariño na súa clásica postura. Esta labra tráenos á memoria un dos escudos que forman parte da colección heráldica integrada na Sección Lapidar do Museo Provincial de Pontevedra, situado no exterior da ábsida das ruínas da igrexa do mosteiro de Santo Domingo e catalogado por Luis E. Messía de la Cerda y Pita (q.e.p.d.) na súa última obra “Labras Heráldicas del Museo de Pontevedra. Ruinas de Santo Domingo”, segundo dunha colección de tres volumes dedicados a inventariar os escudos existentes na capital provincial. Por desgracia, a morte sorprendeu a Luis cando preparaba o terceiro libro. Pois ben, no citado escudo figuran os brasones dos Varela, Mariño, Sotomayor, Ulloa (armas que coinciden coas que acabamos de ver), ademais dos de Lobeira e Ribadeneira, o que nos confirma a relación de Souto de Poio coa liñaxe de Jorge Varela de Dubra y Mariño de Goyanes,señor das casas de Quindimll (Palas de Rei), Goiáns (Lampón-Boiro), etc. e que levaban os seus ascendentes, ademais dos citados, os apelidos Arias, Ulloa, Taboada, Sotomayor, Caamaño, Mendoza, Montenegro, Fandiño, Gómez, Mosquera, Oanes (Yáñez), Romay, etc.