O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, mantivo unha xuntanza de traballo con membros da Asociación Francesa de Guías e Scouts de Europa que teñen previsto realizar unha peregrinaxe a Santiago polo Camiño Portugués cuns 300 mozos e mozas provintes de Francia, Alemania, España, Italia, Polonia, Suíza e Bélxica e que elixiron a Azucreira como lugar para realizar unha acampada no seu periplo xacobeo.
Ricardo Martínez comprometeu a colaboración do Concello de Portas neste evento que terá como protagonistas a 300 mozos e mozas de varios países de Europa baixo o movemento Scout e que emprenderán por estapas o Camiño Portugués a Santiago entre o 26 e o 31 de xullo.
O Concello de Portas colaborará con esta iniciativa xuvenil europea acondicionando un espazo anexo á Azucreira para que os excursionistas poidan montar as súas tendas de campaña, facilitaráselles enerxía eléctrica, auga corrente e mesmo se lle habilitarán as duchas das instalacións anexas co fin de que os participantes nesta peregrinaxe teñan posibilidades de acceder ás mínimas condicións hixiénicas.
Ricardo Martínez agradeceu que esta peregrinaxe europea xuvenil pensara en Portas para facer unha das súas estadías e significou diante dos organizadores “a vocación xacobea do noso concello que ten un albergue de peregrinos recentemente distinguido coa Q de Calidade e que ten gran demanda entre os camiñantes que se achegan a Santiago pola ruta portuguesa. Ademais, estamos tendo moita demanda non so do servizo de alberguería senón que tamén a novo estacionamento para autocaravanas que a estas alturas da temporada está sendo moi utilizada por persoas que se van achegando a Galicia para cumprir coa experencia xacobea”.
“Portas é un concello aberto e acolledor moi involucrado no movemento xacobeo e o feito de que este grupo scout francés pensara en nós para esta iniciativa xuvenil europea énchenos de satisfación polo que representa de movemento cultural, económico e turístico para o noso municipio”, concluíu o alcalde Ricardo Martínez.