O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, manifestaron a súa indignación despois da xuntanza mantida esta mañá con responsables de área e de zona de Abanca no transcurso da cal lles informaron da decisión “irrevocable” da entidade bancaria de pechar a súa sucursal no municipio a partir do vindeiro 22 de outubro.

Ricardo Martínez reaccionou con contundencia e indignación e convocou de inmediato, nada máis rematar a xuntanza, unha Xunta de Voceiros municipais que terá lugar ás 9:30 horas de mañá venres para tomar as medidas precisas de protesta e rexeitamento desta decisión que condena ao municipio de Portas a quedan sen servizos bancarios.

A intención do alcalde é instar aos voceiros municipais a crear unha fronte común, similar á que se está levando a cabo noutros concellos afectados polos peches de Abanca, co fin de poñer en práctica de xeito unánime medidas alternativas para mitigar esta agresión que sufre Portas.

Martínez pretende convocar un Pleno Extraordinario para a vindeira semana co fin de que tódolos grupos políticos poidan expresar pública e oficialmente o seu rexeitamento a esta decisión unilateral de Abanca e poñer en marcha as medidas que se considere oportuno e por consenso entre tódolos membros da Corporación Municipal.

O alcalde manifestou a súa incompresión por esta decisión que “avoca ao noso concello a ter que buscar alternativas noutras entidades bancarias porque o que está claro é que non imos quedar cos brazos cruzados e temos que darlle solución á poboación maior que é vítima da fenda tecnolóxica e que non se defende nin cos caixeiros intelixentes nin coa banca electrónica. Desde logo é un auténtico pao ao proceso de recuperación económica e social que estabamos a experimentar no municipio e que tiña na entidade financeira unha ferramenta de apoio moi útil para nós”, indicou decepcionado o rexedor de Portas.

Recomendados