A xuntanza de voceiros municipais do Concello de Portas, convocada polo alcalde Ricardo Martínez, decidiu celebrar un Pleno Extraordinario para oficializar a repulsa unánime de todos os grupos políticos con representación na Corporación (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE) á decisión de Abanca de pechar a única sucursal bancaria existente no municipio o vindeiro 22 de setembro (onte, por erro informouse de que sería o 22 de outubro).

O Pleno Extraordinario celebrarase o vindeiro martes 31 de agosto ás 10 da mañá e nel aprobarase un manifesto reivindicativo consensuado por tódolos grupos políticos con representación na Corporación para ser remitido á Dirección de Abanca, á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e ao Banco de España, como entidade reguladora da actividade bancaria.

Os voceiros municipais lamentaron profundamente a falla de empatía amosada por Abanca co tecido social e económico dos pobos do rural galego en plena pandemia da Covid-19 e con abundantes beneficios que en maneira algunha xustifican calquera medida restrictiva como as que están levando a cabo.

Tamén avogaron por poñer en coñecemento desta circunstancias á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e ao Banco de España coa intención de que se arbitren solucións e medidas que impidan que entidades bancarias como Abanca, beneficiadas dos procesos de saneamento das antigas caixas, adopten medidas inxustificadas que van en deterioro dos servizos no rural coa eliminación da rede bancaria en Galicia e en gran parte da España baleira.

Os voceiros municipais quedaron en consensuar un escrito que se pretende e sexa aprobado por unanimidade dos 11 concelleiros que conforman a Corporación Municipal de Portas e “sirva de base para un pacto de unidade de acción de todas as forzas políticas coa clara intención de ofrecer unha imaxe de unión e contundencia de todo un pobo que se rebela contra unha decisión moi pouco pensada e que non cremos que obedeza á auténtica realidade dunha oficina como a de Portas que cada vez atende a máis clientes, moitos deles provintes de Caldas, e que estamos seguros de que estaba dentro dos estándares de rendabilidade media de calquera sucursal bancaria”, indicou o alcalde Ricardo Martínez.

MEDIDAS DE PROTESTA E MOBILIZACIÓN SOCIAL

Debido á rapidez con que se desenvolven os acontecementos e en aras de favorecer a aportación dos distintos grupos políticos, os voceiros municipais deixaron para o Pleno Extraordinario do martes a adopción das medidas de protesta e mobilización contretas a levar adiante, que buscarán a implicación directa e a participación da veciñanza como actores principais das accións a desenrolar.

Ademais, os voceiros municipais amosáronse dispostos a promover a chegada unha nova entidade crediticia ou mesmo un axente bancario ao tempo que anunciaron xa que, de producirse o peche da sucursal de Abanca, non tería lóxica seguir mantendo as contas do Concello de Portas nese banco co cal abrirían a posibilidade a migrar os depósitos municipais cara outra entidade.

Recomendados