O Concello de Portas levará a cabo nos vindeiros días a remodelación total da pista polideportiva de Mondoiro (Lantaño) onde está previsto que se realice un investimento que ronda os 48.000 euros dos cales 33.764,49 euros serán asumidos pola Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia a través do programa de financiamento de proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais que leva a cabo a Dirección Xeral da Administración Pública.

A empresa adxudicataria das obras será Covsa, que presentou unha oferta para executalas por importe de 47.993,83 euros, terá de prazo ata o 31 de outubro para telas realizadas.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, en compañía da arquitecta municipal, inspeccionaron o estado da pista polideportiva antes de comezar as obras e puderon comprobar como as gradas do público precisan dunha actuación de conservación e mellora así como a dotación de senllas escaleiras de acceso e evacuación do lugar para facilitar tamén o uso das mesmas.

A actuación contempla o peche perimetral do recinto deportivo, o formigonado da pista polideportiva, o pintado das delimitacións do terreo de xogo, porterías, canastras e a instalación de focos de iluminación para garantir o seu uso nos días de menor luminosidade, sobre todo nos meses de inverno.

A pista polideportiva de Mondoiro atópase ubicada nun espazo lúdico e de convivencia veciñal e de dotación de servizos a veciñanza presidida pola Escola Infantil Unitaria de Lantaño e o outras instalacións deportivas existentes no entorno como o campo de fútbol.

Recomendados