Varios contedores de lixo recén incorporados ao sistema de recollida de residuos sólidos urbanos e adquiridos polo Concello de Portas foron subtraídos nos últimos días o que está a supoñer ademais dun prexuízo económico para o municipio, un problema importante para o servizo de recollida.

Este incidente foi posto en coñecemento da Garda Civil que iniciará as investigacións pertinentes para identificar aos autores da subtracción para que devolvan os contedores e sexan obxecto das medidas sancionadoras ás que haxa lugar.

O Concello de Portas expresa a súa máxima repulsa sobre esta práctica que nos últimos tempos se está a facer demasiado habitual e está a ocasionar graves prexuízos para os servizos municipiais que recibe a veciñanza e solicita a colaboración cidadá para dar cos autores do roubo.

Lembrar que a Deputación de Pontevedra, concedeu ao Concello de Portas, unha subvención de 12.888,15 euros a través do Plan Concellos 2018-2019 (anualidade 2019), para a adquisición de colectores de lixo. Este importe, é o resultante da aplicación das baixas doutros investimentos. En total, foron 75 unidades que se colocaron, na súa maioría nas parroquias de Briallos e Lantaño, lugares de onde desapareceron nos últimos días e que motivaron a denuncia interposta polo Concello de Portas ante os corpos e forzas de seguridade do Estado.

Recomendados