O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis Lopez, anunciou esta mañá en Cuntis que a Consellería de Emprego e Igualdade vai activar dúas novas iniciativas laborais coa concesión de senllos Programas Integrados de Emprego (PIE) a prol da Mancomunidade do Salnés e dos Concellos de Cuntis, Moraña, Portas, Caldas de Reis e Barro para favorecer a inserción cun investimento de 500.000 euros. 

O representante autonómico informou destes dous novos PIE para as comarcas arousana e do Ulla-Umia, que mellorarán a empregabilidade de 200 persoas desempregadas, nunha visita ao Centro de Formación Ocupacional A Ran de Cuntis xunto ao alcalde anfitrión, Manuel Campos, e os rexedores dos outros catro concellos beneficiarios. 

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación en toda a provincia, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno xunto á sanidade e a educación. Por iso, e con estes novos Programas Integrados de Emprego, teremos activadas preto de 70 iniciativas, entre as que se inclúen seis obradoiros e 61 cursos AFD, orientadas a mellorar as opcións de traballo de máis de 1.200 persoas desempregadas nas bisbarras do Salnés e Caldas”, detallou o representante autonómico. 

O PIE outorgado aos concellos do Ulla-Umia baixo a dirección de Cuntis, que chega á súa quinta edición e se recupera tras o celebrado no período 2019-2020, conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contará coa colaboración de 58 empresas da contorna. 

Pola súa banda, o novo Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés, que dá continuidade ao clausurado polo propio delegado territorial hai apenas dúas semanas, tamén contará cun investimento da Xunta de 250.000 euros e ten un obxectivo de inserción do 45%. Para elo, os cen participantes, que recibirán unha preparación similar á da iniciativa do Umia, contarán co apoio, tamén, de 58 firmas da súa zona. 

“Tanto a Mancomunidade do Salnés como os concellos do Umia teñen un forte compromiso coa empregabilidade, levan anos de traxectoria contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito cos seus programas integrados, xa que a agrupación do Salnés alcanzou un 91% de inserción na súa derradeira edición e a iniciativa dirixida por Cuntis roldou o 60%, polo que dende a Xunta consideramos importante manter esta liña de colaboración polo seu bo traballo”, concluíu. 

Recomendados