O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou o remate dos traballos de mellora e remodelación tecnolóxica integral na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Romai, Portas e Lantaño nos que o Concello investiu uns 47.297,58 euros grazas a unha axuda da Xunta a través do organismo autónomo Augas de Galicia cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).  

Esta actuación permitirá que a ETAP alongue a súa vida útil e mellor substancialmente as súas prestación xa que se levaron a cabo labores de substitución das  electroválvulas da liña de filtrado, as bombas  dosificadoras de reactivos e o panel de cloro.  

Ademais, substituíuse o material  granular dos  filtros de area e do filtro de carbón activo. En canto á filtración por area de sílice realízase a través de dous depósitos (doble etapa) de aceiro inoxidable recheos, cada un deles, con 5.000 quilos de area cunha granulometría de 0,4-0,8 mm. sobre unha capa de granulometría de 1-2 mm.  

A filtración por carbono activo está constituída por un depósito de aceiro inoxidable recheo de 2.750 quilos deste material. Tamén, debido ao ambiente corrosivo interior por cloro, dispúxose un sistema de ventilación forzada a través da colocación dun extractor de aire coa súa conseguinte rexilla exterior de porotección.  

Finalmente, reprogramáronse as horas de funcionamento da planta e instalouse un sistema de  telexestión da mesma de última xeración. Todo iso redundará nun máis que notable aforro enerxético respecto a a instalación actual e permitirá que o seu funcionamento sexa máis eficaz e eficiente garantindo en todo momento a salubridade da auga que se subministra ás vivendas beneficiarias desta ETAP en Romai, Portas e Lantaño.  

Esta actuación en profundidade realízase a consecuencia do estado de desgaste polo uso da propia ETAP e ante a necesidade de dotar de nova tecnoloxía máis eficaz e eficiente a esta instalación de vital importancia para manter a salubridade da auga que se subministra á poboación a través da rede municipal. Deste xeito, mellóranse as características xerais da ETAP e facilítase o proceso de potabilización da auga que trata.

Recomendados