A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a promover e a impulsar, nestas semanas antes das festas, a degustación de Menús de Nadal para escolares elaborados con produtos agroalimentarios galegos de máxima calidade distribuídos polo Goberno autonómico.

Esta iniciativa, que se está a celebrar nestas datas en oito centros da comunidade, tivo lugar esta mañá no CPI Domingo Fontán, do concello de Portas, que precisamente foi visitado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, para supervisar esta actividade na provincia xunto ao alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo.

En total, 310 comensais do colexio de Portas degustaron este mediodía un menú especial elaborado con carne de tenreira, porco celta e cordeiro, patacas, fabas, mel e produtos lácteos da máxima calidade, xa que todos eles proceden de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas.

Esta iniciativa enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos destas características a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender aos colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

No marco da canle Mercaproximidade, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.

Recomendados