A música da famosa gaiteira galega Susana Seivane serviu de introdución á ofrenda floral promovida pola Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán e o Concello de Portas para conmemorar o 234º aniversario do nacemento do insigne xeógrafo e matemático que se realizou na Porta do Conde diante do monumento ao cartógrafo galego.

O acto contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez Domínguez, así como a concelleira Ana Peña e veciños que acompañaron aos asistentes neste acto de homenaxe á figura do insigne cartógrafo.

O evento iniciouse coa intervención do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, quen ensalzou a figura de Domingo Fontán, un ilustrado nacido en Porta do Conde, “un veciño que desde un modesto municipio soubo poñer o seu coñecemento e a súa intelixencia ao servizo de Galicia e de España”.

Segundo dixo o alcalde, “sentímonos moi honrados, como veciños de Portas, de estar hoxe aquí recordando o 234 aniversario do nacemento de Domingo Fontán, unha persoa que foi exemplo de humildade, traballo e intelixencia. Domingo Fontán formou parte da ilustración española e foi quen de poñer, negro sobre branco, as liñas que definiron o perfil cartográfico de Galicia. Grazas a el España e Galicia entrou nun proceso de catalogación, ordenación e modernidade sen precedentes e a el debémoslle que Portas aparecera por primeira vez nun mapa científico de proporcións impresionantes”.

Ricardo Martínez abondou en dicir que “temos que sentírmonos orgullosos do noso pasado, do legado de Domingo Fontán e de tantas e tantas persoas que co seu traballo, co seu esforzo e coa súa sabedoría axudaron a que as cousas mudaran, que as cousas melloraran e que avanzara a nosa sociedade. Si hai uns días homenaxeabamos a aqueles músicos pioneiros que impulsaron as distintas bandas de música en Lantaño e no noso municipio, hoxe estamos aquí para honrar a memoria e reivindicar como parte do noso patrimonio a figura e a obra de Domingo Fontán”.

Seguidamente tomou a palabra a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez Domínguez, quen salientou a importancia que o matemático ten para a historia de Portas e de Galicia e renovou o seu compromiso persoal e da asociación en seguir impulsando actividades que contribúan a “descubrir, divulgar e honrar a vida e o obra de don Domingo”.

A continuación, a gaiteira Susana Seivane interpretou un par de pezas en solitario para seguidamente, acompañada polos músicos do grupo de gaitas “Domingo Fontán” convidar ao público asistente a cantar e bailar cancións do folclore tradicional galego moi populares.

Antes de proceder a realizar a ofrenda floral, o alcalde agasallou a Susana Seivane e ao grupo de gaitas “Domingo Fontán” cun exemplar do libro de Juan Fernando Laguarta Badía, titulado “Banda de música de Lantaño”, recientemente presentado. A presidenta da Asociación, fíxolle entrega á gaiteira dun libro sobre a vida de Domingo Fontán. A concelleira Ana Peña agasallou á presidenta Concha Méndez cunha fotografía de gran tamaño que recollía a visita da Asociación ao Parlamento de Galicia.

Co depósito dunha coroa de loureiro aos pés do monumento a Domingo Fontán rematou o acto coa interpretación do himno galego a cargo da agrupación de gaitas que leva o nome do insigne cartógrafo.

Recomendados