O Concello de Portas acaba de chegar a un acordo coa organización de “PortAmérica” que permitirá que os mozos e mozas empadroados no municipio de entre 16 e 30 anos de idade que desexen acceder aos concertos dos días 2, 3 e 4 de xuño poidan facelo de xeito gratuíto.

Os interesados poderán retirar os seus tíckets nominais nas oficinas municipais, dentro duns días previa comunicación pública na web e nas redes sociais oficiais do Concello, unha vez que se comprobe a súa identidade e se vexa que están realmente empadroados en Portas.

O tramo de idades dos beneficiarios reflicte os mesmos do carné xove, ca salvedade que se parte dos dezaseis anos, xa que para poder acceder ao recinto, o poderán facer sen a necesidade de ir acompañados dun adulto, aínda que non se lles servirán bebidas alcohólicas, e precisarán dunha autorización do seu responsable legal.

O equipo de goberno ten detectado o grande interese amosado pola mocidade en asistir aos concertos programados por “PortAmérica”.

“PORT AMÉRICA”, UN ACONTECEMENTE MOI ESPERADO POLA MOCIDADE

O Concello de Portas fará un esforzo económico para que as mozas e mozos do municipio desfruten do festival musical “PortAmérica”. Deste xeito pretenden compensalos, polo seu exemplar comportamento cívico durante estes dous longos anos de pandemia, e así poidan asistir ao festival, totalmente gratis. As mozas e mozos que queiran dispoñer dunha entrada nominativa deberán achegarse debidamente identificados ata as oficinas do Concello e retirar a correspondente invitación no momento que se abra o proceso, que se fará dun xeito ordenado proximamente e se dará aviso á veciñanza.

Recomendados