O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, asistiu ao inicio de actividades do programa “Camiñando xunt@s 2022”, que pon en marcha o Concello, coa colaboración económica da Deputación, para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar ao tempo que un total de 55 nenos e nenas en xullo e 30 en agosto disfrutan dun verán con actividades lúdicas e formativas de luns a venres en horario de 08:30 h ás 14:30 horas.

Ricardo Martínez foi recibido nas instalacións do CPI Domingo Fontán, onde  cortou, simbólicamente, a cinta de inauguración de actividades, acompañado da Concelleira María Jesús Fontán. Ámbolos dous estamparon as súas man no cartel de benvida e participaron activamente en xogos e actividades de animación programadas polos monitores de tempo de lecer encargados de dinamizar a estancia dos mozos e mozas.

INFINIDADE DE ACTIVIDADES PARA DIVERTIRSE E APRENDER

Durante o mes de xullo, os nenos e nenas participantes nesta iniciativa municipal realizarán actividades variadas, como iniciación á equitación, geocahing, educación vial, galería da arte, taller de exhibición de taekwondo, visita do club de salvamento UMIA, charla de primeiros auxilio, etc. Todas as actividades desenvólvense entre o CPI Domingo Fontán, a Azucreira e a Praia Fluvial de Lantaño.

Este ano volveu cubrirse o número máximo de prazas disponibles, é dicir, 55 no mes de xullo e 30 para o de agosto, e no proceso de inscrición teñen preferencia os empadroados no municipio que traballe algún dos seus dous proxenitores en verán para, precisamente, facilitar con esta iniciativa desde o Concello a conciliación da vida laboral e familiar.

Segundo manifestou o alcalde, Ricardo Martínez, “esta iniciativa vén a dar resposta ás necesidades que moitas familias teñen en materia de conciliación e, ao mesmo tempo, é unha alternativa de tempo de lecer para a rapazada que rematou o curso escolar e que a través de “Camiñando xunt@s 2022” teñen alternativas para pasar as mañás de luns a venres con actividades entre amigos e compañeiros que fan o verán moito máis divertido”, indicou o alcalde de Portas.

Recomendados