A Deputación de Pontevedra acaba de conceder unha subvención de 8.268,94 euros ao Concello de Portas dentro da liña de axudas pola seca que puxo en marcha o ente provincial e á que se acolleu a administración local para repoñer o material destrozado polos ladróns que asaltaron a ETAP de Romai no pasado mes de outubro.
O Concello de Portas acudiu á liña de axudas económicas a entidades locais para realizar actuacións de emerxencia que garantan o abastecemento de auga potable domiciliaria ante a situación de seca postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para poder recuperar parte do investimento realizado para poder repoñer con urxencia o material destrozado e substraído.
O importe total da subvención concedida (o 100% da axuda solicitada) irá destinado ao material informático, medidores, dosificadores de cloro e todo o sistema automatizado que dá cobertura á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Portas que foi totalmente inutilizada e destrozada no mes de outubro por un grupo de asaltantes que acabaron levándose unha das dúas electrobombas que prestaban servizo alí.
Naqueles días e con urxencia para evitar que os veciños e veciñas das parroquias de Lantaño, Portas e Romai se quedaran sen abastecemento domiciliario de auga potable, os operarios municipais e os da empresa instaladora do sistema automatizado da ETAP lograron en tempo récord habilitar un sistema provisional para dar subministro, pero que agora se tivo que completar cun novo en substitución do existente.
O alcalde, Ricardo Martínez agraceceu á Deputación de Pontevedra a súa colaboración e receptividade á petición desta axuda que encaixa perfectamente no espírito desta liña de subvencións coa que o ente provincial colabora cos concellos da provincia para facer fronte aos efectos da seca e, como neste caso, aos problemas urxente sobrevidos en materia de abastecemento de auga potable domiciliaria.
RESOLUCIÓN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA: