O recinto da emblemática Azucreira de Portas convertirase este mércores 1 de febreiro no escenario onde se disputará o Campionato Provincial de Campo a Través de centros escolares correspondente ao programa XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Arredor dun milleiro de participantes pertencentes a 43 centros educativos diferentes da provincia de Pontevedra participarán nesta proba nas diferentes categorías mixtas: benxamín, alevín e infantil sobre as distancias de 1.500, 1.000 e 500 metros protocolo.

As probas comezarán as 11 horas no que participarán sobre unha distancia de 1.500 metros os alumnos de 6º de Educación Primaria; ás 11:15 sairán os de 5º sobre unha distancia de 1.000 metros; ás 11:30 horas dos de 4º, tamén sobre 1.000 metros; ás 11:45 horas os de 3º que percorrerán 500 metros e pecharán a saída ás 12 os de 2º que terán que disputar a proba sobre un tramo de 500 metros.

Realizarase unha clasificación individual segundo a orde de entrada en meta e outra por equipos en cada unha das categorías. Para a clasificación por equipos terase en conta os catro primeiros atletas que cheguen á meta de cada entidade (catro nenos e catro nenas), e sumaranse os postos destes catro, sendo a entidade que menos sume (tendo en conta os resultados masculinos e femininos) a vencedora da proba. En caso de empate resultará vencedor o equipo que teña o mellor posto individual. Os equipos corresponderanse co grupo/aula do centro educativo.

O alcalde, Ricardo Martínez, agradeceu aos organizadores que volveran pensar en Portas para acoller esta campionato provincial de campo a través de centros escolares e salientou “a aposta decidida que desde o Concello estamos dando á práctica saudable do deporte mellorando as instalacións deportivas, ampliando as infraestruturas e acollendo, como agora, probas de alto nivel organizativo e que precisan dunha loxística importante para poderse leva a cabo”.

Ricardo Martínez felicitou á comunidade educativa por fomentar a práctica do deporte nas aulas e animou á mocidade a cultivar hábitos saudables como xeito de se enfrontar á vida e aos retos de futuro. “Xa o dicían os clásicos: mens sana in corpore sano, polo que desde ben novos temos que fomentar o equilibro entre a sabedoría e a aprendizaxe e a práctica do deporte”, indicou o alcalde.

Recomendados