O gaiteiro e frautista galego Óscar Ibáñez iniciará este domingo 23 de abril cun concerto no Auditorio da Azucreira de Portas a súa xira máis internacional que o levará a estar presente en importantes festivais folk de Alemaña, Francia, Portugal e España, onde actuará en Galicia, Cantabria, Aragón e León, entre outros.

Neste concerto que comezará ás 19:30 horas e está promovido pola Xunta de Galicia e o Concello de Portas, representará coa súa banda de directo Óscar Ibáñez & Tribo, o seu espectáculo “Da Terra”, no que o afamado artista galego repasará algúns dos temas máis destacados dos seus discos “Alén do mar” e “Aires de Pontevedra” xunto con temas novos, que formarán parte do próximo traballo discográfico que está a preparar.

“Da Terra” supón unha espectacular e enérxica viaxe sonora pola música tradicional galega chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, que ten coma resultado unha mestizaxe atlántica moderna e innovadora.

En Portas presenta tamén a súa renovada “Tribo”, que este ano está integrada por importantes músicos de longa e recoñecida traxectoria, que formaron parte das bandas dalgúns dos artistas e grupos máis destacados da música folk galega, como Suso Iglesias (Xabier Díaz, Nova Galega de Danza), acordeón; Paula Gómez (Triguiñuelas), violín; Xosé Liz (Riobó, Son de Seu), bouzouki; Paco Dicenta (Mercedes Peón), baixo; Carlos Castro (Budiño, Uxía), batería e percusión. Completan o elenco artístico a xilofonista e percusionista de marín Carla Villanueva e cinco gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son, que dirixe o mestre gaiteiro Xosé Romero Miguéns, da saga familiar do célebre grupo Os Rosales de Asados, Rianxo.

Recomendados