Este mediodía tivo lugar a presentación oficial da nova edición de PortAmérica na que estiveron o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, que asistía ao seu primeiro acto oficial desempeñando ese cargo, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, Juan Martínez Inchausti, de patrocinios musicais Estrela Galicia; Pepe Solla, chef e comisario do Showrocking; e Kin Martínez e Carlos Rodríguez, directores de Esmerarte Industrias Creativas e PortAmérica.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, deulles a benvida a todos e agradeceu que a organización de PortAmérica volvera a elixir este municipio para celebrar un dos mellores e máis importantes festivais de música no só de Galicia senón de España. Martínez salientou a importancia que este festival ten para a promoción exterior da imaxe de Portas desde un punto de vista turístico e de dinamización da economía local.

O 90% das entradas xa se atopan vendidas e a ocupación hostaleira na comarca atópase ao 100% para os días do Festival, entre o 13 e o 15 de xullo, segundo a organización. Tamén están practicamente esgotadas as entradas para a zona de acampada e o aparcadoiro de autocaravanas e furgonetas xa colga o cartel de completo.

A organización lembra que o Festival xera 250 empregos directos e máis de 600 indirectos. As estimacións establecen o gasto medio por visitante sobre os 400 euros, cun prezo medio dos abonos do PortAmérica de 70 euros. Tamén lembran que máis de 15.000 persoas diarias pasarán por Portas para asistir aos concertos e ás actividades de PortAmérica.

O inicio desta edición contarán con propostas musicais para todas as idades e para distintos estilos musicais co foco establecido na viaxe de ida e volta Europa – América Latina.

Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Loquillo, Deluxe, Bad Gyal, Jorge Drexler, A M.Ou.D.A ou M-Clan soarán ao ritmo das cociñas do multipremiado ShowRocking, unha iniciativa gastronómica onde máis de 35 chefs de alto nivel e 14 Estrelas Michelin, como Anxo León, Martina Puig Vert, Maca de Castro ou Javi Oleiros, baixo a dirección de Pepe Solla, ofrecerán unha degustación de máis de 20.000 petiscos a prezos populares creados expresamente para o PortAmérica. O toque doce figura na selección de Pastelería, da man dalgúns dos mellores profesionais reposteiros. Ademais están previstas actuacións sorpresa.

Recomendados