O concello de Portas, a través da Aula Universitaria da UNED acolle o “VII Campus Inglés na Contorna” que se desenrolará ata o 21 de xullo e no que participará unha trintena de alumnos e alumnas que recibirán de xeito intensivo unha inmersión lingüística harmonizada con actividades lúdicas orientadas a dar visibilidade á “Axenda 2030 para o Desenrolo Sostenible e os seus 17 Obxectivos de Desenrolo Sostenible (ODS)”.

Estes mozos e mozas aprenderán a dominar técnicas de comprensión e comunicación en inglés de tal xeito de que se perda o medo para falar nun idioma extranxeiro. O alumno gañará en confianza para desenvolverse dunha maneira natural e descubrirá dun xeito lúdico e divertido a súa contorna máis próxima, utilizando o inglés como ferramenta de comunicación durante toda a actividade.

Outro dos obxectivos deste campus intensivo será ampliar as relacións sociais e humanas, coñecer as bases de traballo en equipo e a responsabilidade individual nas tarefas comúns nun ambiente enriquecedor.

Tamén se pretende facilitar, a través das distintas actividades deportivas e culturais, un amplo caudal de posibilidades enriquecedoras para a súa personalidade, gozar de novas formas e boa utilización do tempo de lecer a través da práctica de actividades físicas saudables e a utilización de xeito habitual das tecnoloxías da información e da comunicación.

O alcalde, Ricardo Martínez, amosou a súa satisfación porque o concello de Portas volva acoller este tipo de campus formativo e lúdico “o que dá boa idea da aposta da UNED polo noso municipio que se está a converter en punto de referencia de todo tipo de actividades como se está a demostrar durante este verán”, indicou o rexedor.

Recomendados