A Xunta colabora co Concello de Portas na rehabilitación do edificio da Escola de Música, na que se investirán máis de 585.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde deste municipio, Ricardo Martínez, o convenio polo que a Administración autonómica outorga un préstamo sen xuros ao Concello para financiar estes traballos, a través do Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
A actuación prevista prevé a rehabilitación do inmoble para garantir o illamento térmico e eficiencia enerxética, ademais da accesibilidade, así como a ampliación do edificio para pechar a zona do soportal. Tamén facilitará a reordenación dos espazos interiores destinados a aulas de música, onde acoden actualmente máis de medio cento de alumnos.
A conselleira, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, puxo en valor a colaboración co Concello de Portas e a aposta municipal pola cultura con esta actuación, “que supón apostar polas Escolas de Música, que son auténticas dinamizadoras culturais nas vilas e pobos”.
Os traballos financiaranse a través do Fondo de Cooperación, creado no 2016, e co que a Xunta ofrece apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. O prazo da convocatoria deste 2024 está aberto ata o próximo 31 de outubro.
Dende a posta en marcha do Fondo, a Xunta leva concedidos préstamos por importe de máis de 24M€ para impulsar 102 actuacións nun total de 68 concellos para a rehabilitación e adquisición de diversas construcións.