O I RallyMix de Portas foi presentado esta mañá na Azucreira coa presenza do alcalde Ricardo Martínez Chantada, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, os concelleiros Alfonso Vázquez e María Jesús Fontán así como representantes da escudería Viva Eventos Deportivos, organizadora da proba.
O representante autonómico, acompañado do alcalde, Ricardo Martínez, e de membros da organización e doutros organismos colaboradores, considerou que a celebración desta proba, na fin de semana do 27 e 28 de novembro, “é unha satisfacción e un avance máis na recuperación da nosa vida social, deportiva e cultural, pero debemos seguir estando alerta e extremando as precaucións e a seguridade sanitaria pola situación epidemiolóxica das últimas semanas cos contaxios da covid-19 en alza”.
Esta proba do Campionato Galego de RallyMix conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, será definitoria do podio definitivo do campionato galego xa que se chega a Portas cunha igualdade total nos postos de cabeza.
800 RAPACES E RAPAZAS NUN CAMPIONATO ESCOLAR
Por outra banda, esta mañá celebrouse nas inmediacións da Azucreira a disputa do Campionato Escolar Zonal de Campo a Través, do programa Xogade da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia, que trouxo ata Portas a preto de 800 rapaces e rapazas de centros educativos dos arredores como Cambados, Barro, Moraña, etc.