A Deputación de Pontevedra vén de licitar as obras de mellora da seguridade viaria da EP-8101 Portas-Romai, aos que destina un orzamento de 609.951 euros. Estes traballos teñen como eixo central a renovación da práctica totalidade do firme da estrada, de catro quilómetros de lonxitude, e inclúen tamén distintas actuacións de o calmado de tráfico, a adaptación das beirarrúas e a habilitación de cunetas entre outras, a fin de salvagardar a seguridade baixo o modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial. As empresas teñen de prazo ata o 16 de marzo para presentar as súas propostas.

En concreto, as obras comprenderán, amais da renovación do firme, a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos peonís sobreelevados, co fin de mellorar a seguridade viaria para as persoas. A EP-8101 tamén verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil. Doutra banda, nas zonas en que se localizan vivendas e con marxes sen tratar ou con cunetas profundas, executarase unha soleira de formigón ou cuneta remontable para a adecuación da marxe.

Do mesmo xeito, executarase un muro de sostemento da estrada e ordenarase a zona de estacionamento existente no pq 2+700, para definir claramente os distintos espazos. Así, evitarase o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade. Tamén se realizarán orellas en cruces e pasos de peóns para a mellora da seguridade das persoas usuarias do viario máis vulnerables.

Para completar as obras, en dúas zonas da EP-8101 instalaranse separadores de carril cada cinco metros que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. Amais, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a sinalización horizontal.

Recomendados