María Josefa Gándara Moscoso “JOSEFA” ten 63 anos, é propietaria da Cantina da antiga estación de trens de Portas onde antes xa traballara e na que continúa cociñando e sendo camareira.
De moi nova, Josefa foi canteira. A hostalería, o coidado das plantas e da casa son as súas paixóns e afeccións. É unha muller moi afable que inspira confianza polo seu trato, os seus clientes son para ela como familia. Dende que casou vive en Portas. A tranquilidade de vivir aquí, cos seus fillos e o neto non o cambia por nada.
Para Josefa, o mellor de ser muller é poder ter os fillos dos que tamén sinte orgullo e non atopa nada negativo pola súa condición senón todo o contrario. Considera que ten máis elementos positivos que negativos. Afirma que nunca se sentiu discriminada no traballo incluso di da súa xefa anterior que é unha muller marabillosa.
Para ser iguais, aconsella ás mulleres acadar metas para facerse fortes. Ás mozas que comezan no camiño laboral recoméndalles que teñan bos comportamentos para que sexa recíproco. Josefa bota de menos en Portas que se poida abrir máis industria que xeraría moitos postos de traballo.
Nos seus plans, logo de traballar sempre de luns ata domingos, está primordialmente retirarse e descansar no calor da familia.
#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado