Concepción Méndez Domínguez “Concha” é mestra nacional, máis exerceu como ama de casa e incluso ás veces de enfermeira. Esta veciña de Portas tamén viviu en Santiago de Compostela e Vigo. Entre as súas afeccións, que non son poucas, podemos destacar: ler, a costura, o teatro, o entroido, cantar, xogar ao fútbol e ensinar o catecismo.

En Concha destaca a súa capacidade de empatía e a inquietude que mantén con máis de 80 anos. Ela sempre percorría Lantaño en vespino, bicicleta ou a pé, coñecendo cada recuncho e sentindo a liberdade de vivir neste concello.

Para ela ser muller é ter a capacidade de sacrificio e de entrega. O peor da experiencia vital dunha muller é sufrir a invisibilidade e a indiferenza polo solo motivo do noso xénero. Concha é unha muller do pobo e neta da primeira alcaldesa galega. Foi nomeada Alcaldesa de Honra na I Festa da Dona o 29 de maio do 2016 por unanimidade a través das distintas asociación do concello de Portas.

Dende cativa, Concha viviu a experiencia da igualdade entre mulleres e homes dentro da súa familia. Aconsella que hai que situar no mesmo plano a mulleres e homes. Tamén di que a formación, o bo carácter, respectar e respectarse, amor ao traballo,… deben ser a folla de ruta, o diario de abordo de toda muller que accede ao mundo laboral.

Considérase amiga dos seus amigos “porque as amizades elíxoas eu e á familia dánola Deus”. Atesoura fermosas vivencias nas que sen pretendelo foi a líder das mozas do seu tempo. A perda do seu fillo e do seu pai fixo efecto nela, máis da súa forza e da súa actividade renaceu unha muller valente.

Concha ten sempre un sorriso para toda a veciñanza e destaca nela que é unha muller moi actual e moderna. Hoxe en día segue aprendendo e posicionándose nas redes sociais. Outras das súas tarefas hoxe en día é ser a mestra das súas netas.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

Recomendados