A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de San Cristovo de Briallos, no concello de Portas, cara ao río Chaín.
Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.
Os inspectores desprazados á zona identificaron a orixe do vertido nunha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona. Procederon á toma de mostras e a analítica amosou contaminación no punto inspeccionado.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Portas para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.
Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións realizadas polo Concello na zona permitiron o cese do foco e a emenda do vertido.