A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de recoller as solicitudes de colaboración económica do Concello de Portas para as Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) de Ponte Chaín e Romai. A conselleira Ethel Vázquez e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron un encontro de traballo sobre estas infraestruturas de augas no edificio administrativo de Campolongo co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, que lles expuso a situación de ambas e solicitou cooperación para acometer as obras necesarias neste servizo de competencia municipal.

En concreto, o rexedor local explicou a necesidade de acometer certas reformas na EDAR de Ponte Chaín co obxectivo de acadar o seu óptimo funcionamento e a posibilidade de construír unha nova depuradora en Romai para ofrecer este servizo a esta parroquia e outros puntos da súa contorna.

Os representantes autonómicos valoraron positivamente o ánimo de colaboración do Concello de Portas, que xa está a xestionar a consecución dos terreos necesarios e a acometer a redacción dos proxectos, e analizarán nas vindeiras semanas as distintas opcións e prazos para tentar participar con financiamento nestas actuacións, tal e como se está a facer con decenas de concellos galegos.

Recomendados