A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o concello de Portas para coñecer as actuacións de mellora desenvolvidas na pista deportiva do Mondoiro, na parroquia de Lantaño. As obras, realizadas ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta, supuxeron unha achega de 33.764 euros. Na súa visita estivo acompañado polo alcalde, Ricardo Martínez e a concelleira, María Jesús Fontán.
A través da iniciativa ampliouse a plataforma existente ata os 44×24 metros, coa limpeza e preparación do terreo, e executouse un novo pavimento de formigón, co trazado das liñas divisorias do campo. Ademais, instaláronse porterías antivandálicas para fútbol sala con canastra de baloncesto e unha rede fixa de protección da pista deportiva de catro metros de alto.
Na súa visita a directora xeral comprobou o resultado das actuacións e salientou a importancia de apoiar as administracións locais en proxectos coma este, que lle facilitan a práctica deportiva ao conxunto da poboación e, sobre todo, lles ofrecen aos máis novos un lugar de encontro e esparaxemento.
Segundo apuntou, este é o principal obxectivo da Orde infraestruturas de uso público da Xunta, facilitarlles ás administracións locais e á cidadanía unhas axeitadas infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Coas axudas búscase tamén garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia.
A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento global previsto para as actuacións ascende a 3,5 millóns de euros.
Desde a creación da orde, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano.
A medida forma parte das diferentes liñas de axudas a prol das administracións locais. Segundo sinalou Natalia Prieto, o Concello de Portas recibiu nos últimos anos preto de 500.000 euros para diversas actuacións tanto en infraestruturas como de protección e mellora ambiental.