A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a investir máis de 100.000 euros na mellora de pistas rurais nos lugares de Cachada, Almirante e Tras do Río, no Concello de Portas, cun financiamento ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) correspondente ao presente ano 2022.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, realizou esta mañá unha visita de supervisión ao vial entre Almirante e Tras do Río, cuxa mellora xa está rematada e á que se dedicaron 54.000 euros do Plan Marco, e tamén á contorna do camiño entre Cachada e Portas, na que se investiron case 49.000 euros do PIR.

Estas actuacións consistiron principalmente na renovación do firme, que se atopaba deteriorado en varios puntos, o ensanchamento da plataforma naqueles espazos onde era necesario e había dispoñibilidade de terreos para a súa ampliación e outras pequenas melloras que incluíron a construción dalgún muro de contención ou a reposición de servizos.

“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Portas, son fundamentais para a súa economía, na que os sectores primario e da vide teñen moito peso”, explicou o representante autonómico, que salientou que a Xunta incrementou este ano o Plan Marco para este concello en case un 17% e o PIR en preto dun 3%.

Deste xeito, o Concello de Portas ten recibido, ao longo do último lustro, máis de 467.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais de carácter rural a través do citado Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR). Con estas achegas, favoreceuse a modernización de ata unha quincena de pistas pertencentes a unha decena de parroquias ou lugares do termo municipal, como Rapeira, Currás, Barreira, Portas, Briallos, Lantaño, Casal, Torre ou Romai, ademais das beneficiarias das partidas do presente ano.

Recomendados