O alcalde Ricardo Martínez denunciou de inmediato ante a Garda Civil o roubo dunha electrobomba, cables eléctricos e graves destrozos na ETAP que obrigan a cortar o subministro de auga potable municipal aos veciños de Portas, Lantaño e Romai.
Axentes da Garda Civil personáronse nas instalacións da ETAP ubicada en Romai para realizar as pertinentes pesquisas que dean como resultado a identificación, localización e detención dos autores deste roubo que atenta directamente contra o subministro de auga potable ao municipio e que supón un grave trastorno para a veciñanza e o propio Concello de Portas.
O roubo e os graes desperfectos na ETAP foron descubertos no momento en que un operario do Concello fixo a visita correspondente para comprobar os niveis de cloro, ph, etc. e atopouse coa porta rebentada, o material polo chan, os ordenadores dañados, unha bomba inutilizada e a outra substraída. De inmediato deu parte ao alcalde quen foi o encargado de alertar aos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Os operarios municipais procederon a cortar o subministro xa que quedou totalmente inoperativo o sistema de depuración que garantiza a potabilidade da auga da traída municipal que reciben os veciños de Portas, Lantaño e Romai e puxéronse en contacto coa empresa instaladora para intentar resolver o problema canto antes.
Así, o alcalde Ricardo Martínez está ao fronte dun operativo que dea solución o máis axiña posible a este contratempo para que a veciñanza destas tres parroquias recuperen a normalidade no subministro e poida reestablecerse con garantías sanitarias o servizo.
O alcalde amosou a súa indignación e sinalou que “estamos traballando en dous frente. Por unha banda en intentar restablecer o servizo, con garantías, o máis axiña posible, e por outra estamos colaborando ao máximo coas forzas e corpos de seguridade do Estado para localizar aos autores deste roubo para que caia sobre eles todo o peso da lei”, indicou Ricardo Martínez.
“Intentaremos subministrar auga, de novo e canto antes, aínda que non teña garantías plenas de salubridade e que polo menos a xente teña algo con que lavarse ou ducharse mentras non subsanamos todo esta liada na que estamos. Arrancaron todo, destrozaron os medidores, os sistemas de potabilización automatizada, os ordenadores, as cloradoras, os controladores de PH e floculante, absolutamente todo. Un auténtico desastre!”, exclamou o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.