O Auditorio da Azucreira de Portas será o vindeiro domingo 23 de abril a partir das 19:30 horas o escenario que acolla o primeiro concerto da xira máis internacional protagonizada polo gaiteiro e frautista pontevedrés Óscar Ibáñez que o levará a estar presente en importantes festivais folk de Alemaña, Francia, Portugal e España, onde actuará en Galicia, Cantabria, Aragón e León, entre outros.

Neste concerto, promovido pola Xunta de Galicia e o Concello de Portas, representará coa súa banda de directo Óscar Ibáñez & Tribo, o seu espectáculo “Da Terra”, no que o afamado artista galego repasa algúns dos temas máis destacados dos seus discos “Alén do mar” e “Aires de Pontevedra” xunto con temas novos, que formarán parte do próximo traballo discográfico que está a preparar.

“Da Terra” supón unha espectacular e enérxica viaxe sonora pola música tradicional galega chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, que ten coma resultado unha mestizaxe atlántica moderna e innovadora.

En Portas presenta tamén a súa renovada “Tribo”, que este ano está integrada por importantes músicos de longa e recoñecida traxectoria, que formaron parte das bandas dalgúns dos artistas e grupos máis destacados da música folk galega, como Suso Iglesias (Xabier Díaz, Nova Galega de Danza), acordeón; Paula Gómez (Triguiñuelas), violín; Xosé Liz (Riobó, Son de Seu), bouzouki; Paco Dicenta (Mercedes Peón), baixo; Carlos Castro (Budiño, Uxía), batería e percusión. Completan o elenco artístico a xilofonista e percusionista de marín Carla Villanueva e cinco gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son, que dirixe o mestre gaiteiro Xosé Romero Miguéns, da saga familiar do célebre grupo Os Rosales de Asados, Rianxo.

Pola súa banda, o alcalde Ricardo Martínez, salientou a calidade musical e punto de inicio desa xira internacional que protagonizará o artista galego e que “seguro acadará os maiores éxitos e aplausos do público. Para nós é un orgullo e un privilexio poder contar coa súa actuación na Azucreira e estamos convencidos de que o seu espectáculo “Da Terra” causará unha gran sensación entre o público asistente”.

Recomendados