A MÚSICA DE SUSANA SEIVANE SERVIU DE INTRODUCIÓN Á OFRENDA FLORAL REALIZADA A DOMINGO FONTÁN NO SEU MONUMENTO EN PORTA DO CONDE

A música da famosa gaiteira galega Susana Seivane serviu de introdución á ofrenda floral promovida pola Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán e o Concello de Portas para conmemorar o 234º aniversario do nacemento do insigne xeógrafo e matemático que se realizou na Porta do Conde diante do monumento ao cartógrafo galego.

O acto contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez Domínguez, así como a concelleira Ana Peña e veciños que acompañaron aos asistentes neste acto de homenaxe á figura do insigne cartógrafo.

O evento iniciouse coa intervención do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, quen ensalzou a figura de Domingo Fontán, un ilustrado nacido en Porta do Conde, “un veciño que desde un modesto municipio soubo poñer o seu coñecemento e a súa intelixencia ao servizo de Galicia e de España”.

Segundo dixo o alcalde, “sentímonos moi honrados, como veciños de Portas, de estar hoxe aquí recordando o 234 aniversario do nacemento de Domingo Fontán, unha persoa que foi exemplo de humildade, traballo e intelixencia. Domingo Fontán formou parte da ilustración española e foi quen de poñer, negro sobre branco, as liñas que definiron o perfil cartográfico de Galicia. Grazas a el España e Galicia entrou nun proceso de catalogación, ordenación e modernidade sen precedentes e a el debémoslle que Portas aparecera por primeira vez nun mapa científico de proporcións impresionantes”.

Ricardo Martínez abondou en dicir que “temos que sentírmonos orgullosos do noso pasado, do legado de Domingo Fontán e de tantas e tantas persoas que co seu traballo, co seu esforzo e coa súa sabedoría axudaron a que as cousas mudaran, que as cousas melloraran e que avanzara a nosa sociedade. Si hai uns días homenaxeabamos a aqueles músicos pioneiros que impulsaron as distintas bandas de música en Lantaño e no noso municipio, hoxe estamos aquí para honrar a memoria e reivindicar como parte do noso patrimonio a figura e a obra de Domingo Fontán”.

Seguidamente tomou a palabra a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez Domínguez, quen salientou a importancia que o matemático ten para a historia de Portas e de Galicia e renovou o seu compromiso persoal e da asociación en seguir impulsando actividades que contribúan a “descubrir, divulgar e honrar a vida e o obra de don Domingo”.

A continuación, a gaiteira Susana Seivane interpretou un par de pezas en solitario para seguidamente, acompañada polos músicos do grupo de gaitas “Domingo Fontán” convidar ao público asistente a cantar e bailar cancións do folclore tradicional galego moi populares.

Antes de proceder a realizar a ofrenda floral, o alcalde agasallou a Susana Seivane e ao grupo de gaitas “Domingo Fontán” cun exemplar do libro de Juan Fernando Laguarta Badía, titulado “Banda de música de Lantaño”, recientemente presentado. A presidenta da Asociación, fíxolle entrega á gaiteira dun libro sobre a vida de Domingo Fontán. A concelleira Ana Peña agasallou á presidenta Concha Méndez cunha fotografía de gran tamaño que recollía a visita da Asociación ao Parlamento de Galicia.

Co depósito dunha coroa de loureiro aos pés do monumento a Domingo Fontán rematou o acto coa interpretación do himno galego a cargo da agrupación de gaitas que leva o nome do insigne cartógrafo.

PORTAS RECORDA A FIGURA DE DOMINGO FONTÁN NO 234º ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO CUNHA OFRENDA FLORAL E A MÚSICA DA GAITEIRA GALEGA UNIVERSAL SUSANA SEIVANE

A Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán e o Concello de Portas homenaxearán este domingo 24 de abril a partir das 12 do mediodía á figura do matemático nado hai 234 anos en Porta do Conde cunha serie de actos entre os que destacan a actuación da gaiteira galega universal Susana Seivane e unha ofrenda floral diante do seu monumento.

Estes actos terán lugar na Casa de Cultura-Biblioteca Porta do Conde, en Portas e ademais das intervencións protocolarias en lembranza do ilustrado galego, interpretará o himno galego o Grupo de Gaitas Domingo Fontán de Portas.

O ALCALDE REÚNESE COA CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS, ETHEL VÁZQUEZ, PARA SOLICITARLLE COLABORACIÓN PARA AS DEPURADORAS DE PONTE CHAÍN E ROMAI

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de recoller as solicitudes de colaboración económica do Concello de Portas para as Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) de Ponte Chaín e Romai. A conselleira Ethel Vázquez e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron un encontro de traballo sobre estas infraestruturas de augas no edificio administrativo de Campolongo co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, que lles expuso a situación de ambas e solicitou cooperación para acometer as obras necesarias neste servizo de competencia municipal.

En concreto, o rexedor local explicou a necesidade de acometer certas reformas na EDAR de Ponte Chaín co obxectivo de acadar o seu óptimo funcionamento e a posibilidade de construír unha nova depuradora en Romai para ofrecer este servizo a esta parroquia e outros puntos da súa contorna.

Os representantes autonómicos valoraron positivamente o ánimo de colaboración do Concello de Portas, que xa está a xestionar a consecución dos terreos necesarios e a acometer a redacción dos proxectos, e analizarán nas vindeiras semanas as distintas opcións e prazos para tentar participar con financiamento nestas actuacións, tal e como se está a facer con decenas de concellos galegos.

A XUNTA ELIMINA UN PUNTO DE VERQUIDO DE AUGAS RESIDUAIS AO RÍO CHAÍN, AO SEU PASO POLA PARROQUIA DE SAN CRISTOVO DE BRIALLOS

A Xunta eliminou un punto de  vertido de augas residuais na parroquia de San Cristovo de Briallos, no concello de Portas, cara ao río Chaín.

Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.

Os inspectores desprazados á zona identificaron a orixe do vertido nunha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona. Procederon á toma de mostras e a analítica amosou contaminación no punto inspeccionado.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Portas para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.

Nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións realizadas polo Concello na zona permitiron o cese do foco e a emenda do vertido.

O CONCELLO DE PORTAS PON EN MARCHA UN OBRADOIRO DE ALFABETIZACIÓN DIXITAL AO ABEIRO DO PACTO DE ESTADO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Concello de Portas pon en marcha un obradoiro de alfabetización dixital ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

Este obradoiro está dirixido á poboación maior de 55 anos e porase en funcionamento durante o mes de maio. O obxectivo principal desta iniciativa é que as persoas participantes poidan adquirir as habilidades necesarias para obter competencias nas xestións cotiás da vida diaria a través das novas tecnoloxías, cos obxectivos de incrementar o seu empoderamento, autoestima, satisfacción en igualdade de oportunidades e desenrolo da socialización das persoas.

A PRESENTACIÓN DO LIBRO DE JUAN FERNANDO LAGUARTA BADÍA SOBRE A BANDA DE LANTAÑO CONVÉRTESE NUNHA HOMENAXE AOS PRIMEIROS MÚSICOS DE PORTAS

O Auditorio da Azucreira de Portas acolleu a presentación do libro de Juan Fernando Laguarta Badía, “Banda de Música de Lantaño”, nun emotivo acto que contou coa presenza de numeroso público, do alcalde, Ricardo Martínez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o autor do traballo de investigación e recopilación e o editor José Luís Teófilo.

O acto comezou coa proxección dun vídeo preparado por Teófilo Edicións con imaxes da Banda de Música de Lantaño ao longo dos 150 anos de existencia e que serviron de introdución ao acto. Tomou a palabra José Luís Teófilo quen nun emotivo discurso lembrou a súa relación persoal durante a infancia coa súa nai cando percorrían xuntos no verán o concello de Portas e a parroquia de Lantaño e fixo un alegato na defensa da identidade dos pobos, da experiencia do pasado e reflexionou sobre a importancia de coñecelo para “saber de quen somos e de onde vimos” para trazar un exitoso futuro.

Teófilo confesou sentirse en Portas como na súa casa, en Vilaxoán, e destacou que este era o quinto traballo que realizaba tendo como protagonista a este territorio e así lembrou a biografía e a reprodución de mapas debuxados polo xeógrafo universal Domingo Fontán e mesmo anunciou que está a traballar na edición dun libro infantil ilustrado sobre a figura deste galego ilustrado universal. Rematou a súa intervención cun emocionado “viva Portas agora e sempre!”

Despois de interpretar unha peza a Banda Música Unión de Lantaño, tomou a palabra un emocionado Juan Fernando Laguarda Badía quen agradeceu á Xunta, Concello e a Teófilo Edicións o seu traballo e colaboración para que saíra á luz o traballo de investigación atesourado e recopilado durante toda unha vida e que comezou a raíz de que o autor do libro fora gardando infinidade de recortes de prensa das noticias que tiñan como protagonistas ás bandas de Lantaño.

Laguarta Badía, que prácticamente desde o berce mamou o amor pola música e por esta institución xa que o seu pai, José Laguarta, foi director da Banda Unión desde o ano 1944 ata 1976, desglosou a historia desta agrupación musical desde as súas orixes, a finais do século XIX, cando Ricardo Candán Fernández, “Candango”, fundou a primeira das bandas que viñeron funcionando en Lantaño e pasando por diversas vicisitudes ata confluir, na postguerra no que hoxe é a Banda de Música Unión de Lantaño.

No seu traballo recolle os 404 nomes dos músicos que ao longo do tempo estiveron ligados ás bandas dos Viñas, dos Pozas, Os Rebeldes ata chegar á Banda Unión. Rescatou para o numeroso público presente e para a memoria colectiva de Portas os nomes daqueles impulsores da música de banda e que desde Lantaño foron unha referencia para Galicia enteira. Falou de mestres da música como Ricardo Candán Fernández, “O Candango”; os Vilas (Eligio, Álvaro e Hermógenes), Amador Piñeiro Buceta, Os Poza, Fiúza, , ata chegar á fusión na Banda de Música Unión de Lantaño con Andrés Méndez, Bernardino Buceta e Nemesio Méndez e con Andrés Blanco “Rebornecho”, como o seu primeiro director.

Tamén fixo referencia moi emocionada ao periodo no que o seu pai, José Laguarta ocupou a dirección da Banda e que se prolongou entre os anos 1944 e 1976, con diversas fases, e que motivou o aplauso cariñoso de todo o auditorio.

Juan Fernando Laguarta falou tamén do extraordinario labor levado a cabo pola Banda de Lantaño como semilleiro de grandes músicos e compositores e así pediu un forte aplauso para un dos que estaba presentes, Eligio Vila, “un dos mellores compositores de Galicia e de toda España”. Tamén falou de Antonio Caldas, Adonis Ferreiro, Marcial Fontán, etc.

Contou varias anécdotas sobre a rivalidade e os enfrontamentos previos vividos entre as bandas dos Vilas e dos Pozas antes da ansiada consumación da “Unión” e tamén dos distintos concursos a nivel de toda Galicia aos que se presentaban e que contribuíron a darlle o gran nome e fama que esta Banda acadou en toda Galicia.

Finalizou a súa intervención agradecendo as mostras de cariño e pedindo unha forte aperta para Alejandro García Pacheco, o actual director da Banda de Música Unión de Lantaño, a quen agradeceu os seus esforzos por manter a continuidade da agrupación e do alto nivel dos seus compoñentes.

En actitude recíproca, Alejandro García agradeceu as ensinanzas e o legado que recibían os novos compoñentes da historia de 150 anos da Banda de Música Unión de Lantaño e obsequiou a Juan Laguarta co estreno dun pasodobre titulado “A D. José”, en homenaxe ao seu pai e ao mesmo autor deste libro que se presentou hoxe en Portas.

O acto concluíu coa intervención do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, quen destacaron o labor e o amor que Juan Laguarta profesa desde sempre á música en xeral e á Banda de Lantaño en particular e agradeceron a súa memoria e o seu esforzo para publicar este traballo que formará parte das bibliotecas de conservatorios, centros educativos e será unha guía sobre a historia das bandas de música en toda Galicia.

O CONCELLO DE PORTAS INVESTIU 27.476,39 EUROS NA INSTALACIÓN DA CUBERTA DA PISTA DE PÁDEL DA AZUCREIRA CON CARGO AO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

O Concello de Portas procedeu á xusficación da subvención obtida da Deputación de Pontevedra por importe de 27.476,39 euros a través da Liña 1 – Plan Concellos 2021 para a execución da obra “Cuberta de pista de pádel da Azucreira”.

Este investimento permitirá que o grande número de usuarios poidan seguir disfrutando da práctica deportiva cando as inclemencias do tempo sexan adversas, condición que sucede gran parte do inverno. Esta iniciativa do Concello de Portas, incluída na Liña 1 do Plan Concellos 2021 permite mellorar as infraestruturas deportivas das que dispón o municipio de Portas.

A AZUCREIRA ACOLLE ESTE DOMINGO, A PARTIR DAS 12, A PRESENTACIÓN DO LIBRO “BANDA DE MÚSICA DE LANTAÑO” DE JUAN FERNANDO LAGUARTA BADÍA

A Azucreira de Portas acolle este domingo, 10 de abril a partir das 12 horas, a presentación do libro de Juan Fernando Laguarta Badía “Banda de Música de Lantaño” editado por Teófilo Comunicación e no que se fai un repaso pola historia desta emblemática agrupación musical que paseou con orgullo o nome de Lantaño e, consecuentemente, do concello de Portas por gran parte de Galicia.

A entrada é libre e de balde e prégase aos asistentes que garden as medidas de seguridade sanitaria habilitadas para este tipo de actos realizados en recintos pechados.

O CONCELLO DE PORTAS INFORMA DE QUE XA PODES INSCRIBIRTE NO PROGRAMA DE TERMALISMO SOCIAL DA DEPUTACIÓN “DEPOTERMAL”

O Concello de Portas informa á veciñanza de que a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en marcha un ano máis o programa “Depotermal”, unha iniciativa que ten por finalidade fomentar o envellecemento activo en establecementos hostaleiros das Rías Baixas (coma balnearios, talasos ou spa).O obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas a través da participación en actividades de cooperación social e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade.
MÁIS INFORMACIÓN:
https://www.depo.gal/web/edepo/-/depotermal