O programa cultural “Coñece o teu Camiño”, impulsado pola Xunta, chega este domingo 29 de agosto ao concello de Portas con varias actividades que non te podes perder. Así, no anfiteatro da Azucreira (en caso de mal tempo será no Auditorio) terá lugar a partir das 20 horas a actuación da Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas e o espectáculo “Barafunda. Xan das Ondas”.
A Xunta de Galicia está a impulsar, a través da colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, o programa cultural “Coñece O teu Camiño”, que inclúe cinco espectáculos baseados na tradición e nos roteiros xacobeos e que se desenvolverán na provincia de Pontevedra.
O proxecto “Coñece O Teu Camiño”, configúrase como un evento transversal que inclúe un espectáculo infantil centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico e unha actuación de folclore con música e danza tradicional.
A entrada para asistir a este concerto será gratuíta, aínda que haberá unha limitación de aforo polo que os interesados en acudir a este evento deberán retirar previamente as invitacións no Concello de Portas ou ben chamar aos teléfonos 986 53 69 25 ou 986 53 61 61-EXT 5.
CHEGA A PORTAS ESTE SÁBADO “O PAÍS DAS BANDAS” COA ACTUACIÓN DA BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADUMIA
O Anfiteatro do complexo da Azucreira de Portas será o escenario escollido para este sábado 28 de agosto, a partir das 20 horas, para a chegada ao municipio do concerto protagonizado pola Banda de Música Municipal de Ribadumia dentro do programa “O País das Bandas”. No caso de que o tempo non acompañara, a actuación trasladaríase ao Auditorio da Azucreira de Portas.
A entrada para asistir a este concerto será gratuíta, aínda que haberá unha limitación de aforo polo que os interesados en acudir a este evento deberán retirar previamente as invitacións no Concello de Portas ou ben chamar aos teléfonos 986 53 69 25 ou 986 53 61 61-EXT 5.
O Concello mellora os seus equipos informáticos a través dunha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
O Concello de Portas mellora os seus equipos informáticos cun investimento de 7.989,99 euros grazas a unha subvención do Plan Concellos 2018-2019 (anualidade 2019) da Deputación Provincial de Pontevedra.
Esta subvención obtívose baixo o título xenérico de “Subministro de equipamentos informáticos” e foi tramitada ante o ente provincial desde o Concello de Portas para a adquisición de novos equipamentos informáticos.
O DELEGADO DA XUNTA E O ALCALDE DE PORTAS FAN UN CHAMAMENTO Á PARTICIPACIÓN NO CRIBADO DE DETECCIÓN DA COVID-19 PARA LOCALIZAR ASINTOMÁTICOS E FREAR OS CONTAXIOS
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acudiron ao complexo da Azucreira para supervisar as probas PCR, ás que están convocados os veciños de 14 a 39 anos co obxectivo de detectar casos asintomáticos e frear o incremento de contaxios que se está a producir nas dúas últimas semanas no marco da quinta onda.
Todas as mostras tomadas con PCR en Portas, a cargo de dous equipos de enfermaría, procesaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados serán comunicados aos usuarios por SMS, sempre que o resultado sexa negativo. No caso de resultar positivo, esta notificación comunicarase de xeito individual a cada cidadán.
O Concello logra unha subvención de 12.888,15 euros do Plan Concellos da Deputación para a adquisición de novos contedores de lixo
A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu ao Concello de Portas unha subvención de 12.888,15 euros a través do Plan Concellos 2018-2019 – Anualidade 2019, para a adquisición de colectores de lixo. Este importe, é o resultante da aplicación das baixas doutros investimentos. En total, foron 75 unidades que se colocaron nas parroquias de Briallos e Lantaño.
Con esta nova dotación de contedores de lixo refórzanse as infraestruturas desplegadas polo Concello de Portas para atender a crecente demanda de colocación de elementos de recollida de refugallos domésticos que se producen no municipio. Ao mesmo tempo repuxéronse vellos contedores e ampliouse con novos lugares o número de puntos de recollida para este servizo municipal.
SANIDADE FARÁ O VENRES 13 DE AGOSTO, A PETICIÓN DO CONCELLO, UN CRIBADO MASIVO Á POBACIÓN DE PORTAS CON IDADES COMPRENDIDAS ENTRE 14 E 39 ANOS, NA AZUCREIRA
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, xestionou ante os responsables da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés a realización dun cribado masivo para veciños do municipio con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos co fin de frenar a persistencia no alto número de casos positivos que se detectan neste concello.
As probas PCR levaranse a cabo o venres 13 de agosto entre as 9 e as 20:30 horas nas instalacións que se habilitarán no complexo da Azucreira de Portas. Os resultados negativos serán comunicados aos asistentes por SMS mentras que os positivos detectados realizaráselles unha chamada telefónica desde a Área Sanitaria Pontevedra-Salnés.
PRÉGASE A MÁXIMA PARTICIPACIÓN NAS PROBAS PCR
Coa intención de localizar o máximo número posible de persoas asintomáticas con capacidade de espallar o coronavirus, as autoridades sanitarias e municipais fan un chamamento á poboación para que non deixen de acudir este venres, nun amplio e cómodo horario, ao complexo da Azucreira de Portas para facerse as probas PCR.
Esta inicitiva sanitaria, segundo o alcalde de Portas Ricardo Martínez, realízase coa clara intención de frear o número de contaxios existentes no municipio a través da detección dos infectados asintomáticos para o cal ampliouse a mostra e o rango de idade desde os 14 anos para que colla un amplio espectro de poboación e poñer freno deste xeito á extensión da pandemia.
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SUBVENCIONA CON 3.588,25 EUROS O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE CONCILIACIÓN DO VERÁN 2021
A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu unha subvención de 3.588,25 euros ao Concello de Portas para levar a cabo o proxecto “Actividades de Conciliación do Verán 2021”, dentro das axudas que o ente provincial concede dentro do se programa de fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o 2021.
As Actividades de Conciliación do Verán 2021 do Concello de Portas estanse desenvolvendo no municipio cunha boa afluencia de cativos desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto e están dirixidas a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos.
EXCURSIÓN A APÍPOLIS DOS CATIVOS PARTICIPANTES NAS ACTIVIDADES DE VERÁN ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE PORTAS
Os cativos que participan nas actividades de verán do Concello de Portas visitaron o pasado venres 6 de agosto o centro APÍPOLIS, onde realizaron varias actividades lúdicas e de aprendizaxe ademais dunha visita guiada polas instalacións.
Os nenos e nenas vestidos de apicultores visitaron o apiario entrando por grupos pequenos para poder apreciar mellor todo o que rodea ao mundo das abellas.
Abriuse unha colmea e observaron algunhas das cousas que aprenderon durante a visita á exposición. Describíuselles o procesado dos produtos que nos dan as abellas, ademais de observar como se realiza a extracción, coado e envasado do mel dun panal.
Así mesmo, tras repasar o proceso de extracción da cera, cada participante confeccionou unha vela coa cera das abellas ademáis de utilizar o mel para cociñar unhas deliciosas galletas.
Unha actividade onde o obxectivo principal foi mostrar, mediante as relacións entre as abellas e os seres humanos, a importancia que estas teñen para nós e para o medio no que nos desenvolvemos.
O CONCELLO DE PORTAS PUBLICA UN BANDO COAS NOVAS MEDIDAS SANITARIAS POLA SUBIDA A NIVEL ALTO DO MUNICIPIO
O Concello de Portas publicou un bando asinado polo alcalde, Ricardo Martínez, no que se recollen as novas normas Covid que rixen no municipio desde o sábadfo 7 de agosto debido á subida de Portas ao NIVEL ALTO. Así, limítanse as xuntanzas privadas a 10 persoas no exterior e a 6 no interior, tanto en espazos públicos como privados. O OCIO NOCTURNO PERMANECERÁ PECHADO.
Estarán prohibidas as reunións de non convivintes entre a 1 e as 6 da mañá e quedan suspendidas as actividades de festas, verbenas e outros eventos no concello de Portas de acordo coa normativa vixente establecida nas distintas Ordes da Xunta de Galicia, ata novo aviso.
HOSTALERÍA
A hostalería (bares, cafeterías, restaurantes e furanchos) terán aforos limitados ao 50% tanto no interior como no exterior (terrazas). Para poder acceder ao interior haberá que acreditar ter certificado de vacinación, proba PCR negativa ou acreditar ter pasada a infección. Os menores de 12 anos ficarán exentos. O horario de peche ao público será ás 23 horas coa opción de pechar á 1:00 horas sempre que cumpran os requisitos establecidos no marco do “Plan de Hostalería segura”, sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00:00 horas. O que si está permitido é a recollida no local para consumo no domicilio ata a 1:00 horas.
Deberase usar obrigatoriamente a máscara sempre e cando non se cumpra a distancia de seguridade correspondente.
“DENDE EXERIA E XELA ARIAS”, NOVA ACTIVIDADE DO CONCELLO DENTRO DO PROGRAMA “LER CONTA MOITO” DA XUNTA
O vindeiro luns 23 de agosto terá lugar, entro do programa de actividades programadas para o mes de agosto polo Concello de Portas, “Dende Exeria e Xela Arias”, unha iniciativa subvencionada polo programa “Ler Conta Moito” da Xunta de Galicia.
A actividade levarase a cabo na Biblioteca Municipal de Portas a partir das 11 horas e será GRATUÍTA, pero debido á limitación de aforo deberase recoller entrada no Concello ou facer reserva no 986 53 69 25 – 986 53 61 61 ext. 5