O CONCELLO DE PORTAS COLABORARÁ EN MARZO CO FESTIVAL PORTAMÉRICA NA CAMPAÑA DE REFORESTACIÓN CON ESPECIES FRONDOSAS “UNHA ENTRADA, UNHA ÁRBORE”

O Concello de Portas volverá colaborar, un ano máis, co Festival PortAmérica na iniciativa de reforestación “Unha entrada, unha árbore”, que se levará a cabo en montes de Romai o vindeiro 11 de marzo.

Nesta ocasión plantaranse ata 1.050 árbores (carballos, avellanos, castiñeiros, bidueiros, sobreiras, madroños, cerdeiras, pradairos, freixos e nogueiras) nos montes de Romai en colaboración coa Comunidade de Montes de Lantaño, Concello de Portas, Consellería do Medio Rural, Deputación de Pontevedra, Coca-Cola, Estrela Galicia, Agader, Gadis, Montiño e Hotel O Cruceiro.

A plantación ten como obxectivo compensar o CO2 xerado pola celebración do festival na súa edición de 2022 e todo o que queira poderá participar nesta reforestación comunitaria apuntándose nesta ligazón. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, cada árbore será identificado co nome de quen o plante.

Para acudir á plantación, o punto de encontro é en Outeiro Grande, monte veciñal de Lantaño (42.554236, -8.6812558). A iniciativa “Unha Entrada, Unha Árbore” é un compromiso adquirido nas xornadas de Medio Ambiente de 2017. Desde entón, tanto asistentes como todo aquel que queira participar, pode colaborar nesta xornada de reforestación con especies autóctonas que se celebra nos montes próximos ao recinto do festival. A día de hoxe, xa hai máis de 4.900 árbores plantadas e preto de 24 toneladas de Co2 compensados grazas a preto de 1.000 persoas que colaboraron.

O CONCELLO DE PORTAS FOI BENEFICIARIO DA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES LOCAIS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ

O Concello de Portas foi beneficiario da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada pola Unión Europea.

O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento. O resultado que se pretende acadar é facilitar a  inclusión sociale a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.

Por Resolución do 30 de decembro de 2022 da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade (DOG nº 21 do 31 de xaneiro de 2023), se concede subvención á agrupación de concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Catoira, Moraña e Portas, para a prestación do Servizo de Atención Temperá no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024.

Este Servizo está situado en Cuntis, no lugar de A Ran, nº 56 (C.P. 36675) e o teléfono de contacto para solicitar entrevista é o 695 10 29 25.

UNS 1.245 CATIVOS DE EDUCACIÓN PRIMARIA PARTICIPAN EN PORTAS NA FASE FINAL PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS DO PROGRAMA XOGADE DA XUNTA

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, celebrou hoxe a Fase Final Provincial de Campo a Través do programa de deporte escolar Xogade, que contou coa participación de 1.245 cativos e que se celebrou na contorna da Azucreira de Portas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e a concelleira Ana Peña asistiron ás cinco probas finais na contorna da Azucreira e presidiron o acto de entrega de medallas desta actividade organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Máis de 17.000 deportistas de 200 centros da provincia participaron nas 17 probas zonais, o que demostra o éxito crecente dunha iniciativa que busca a dinamización do deporte escolar, a inclusión do alumnado, a loita contra o sedentarismo e o fomento da igualdade de xénero, polo que é un absoluto acerto e imos a darlle continuidade.

O RECINTO DA AZUCREIRA DE PORTAS CONVÉRTESE O VINDEIRO MÉRCORES 1 DE FEBREIRO EN SEDE DO CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS

O recinto da emblemática Azucreira de Portas convertirase este mércores 1 de febreiro no escenario onde se disputará o Campionato Provincial de Campo a Través de centros escolares correspondente ao programa XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Arredor dun milleiro de participantes pertencentes a 43 centros educativos diferentes da provincia de Pontevedra participarán nesta proba nas diferentes categorías mixtas: benxamín, alevín e infantil sobre as distancias de 1.500, 1.000 e 500 metros protocolo.

As probas comezarán as 11 horas no que participarán sobre unha distancia de 1.500 metros os alumnos de 6º de Educación Primaria; ás 11:15 sairán os de 5º sobre unha distancia de 1.000 metros; ás 11:30 horas dos de 4º, tamén sobre 1.000 metros; ás 11:45 horas os de 3º que percorrerán 500 metros e pecharán a saída ás 12 os de 2º que terán que disputar a proba sobre un tramo de 500 metros.

Realizarase unha clasificación individual segundo a orde de entrada en meta e outra por equipos en cada unha das categorías. Para a clasificación por equipos terase en conta os catro primeiros atletas que cheguen á meta de cada entidade (catro nenos e catro nenas), e sumaranse os postos destes catro, sendo a entidade que menos sume (tendo en conta os resultados masculinos e femininos) a vencedora da proba. En caso de empate resultará vencedor o equipo que teña o mellor posto individual. Os equipos corresponderanse co grupo/aula do centro educativo.

O alcalde, Ricardo Martínez, agradeceu aos organizadores que volveran pensar en Portas para acoller esta campionato provincial de campo a través de centros escolares e salientou “a aposta decidida que desde o Concello estamos dando á práctica saudable do deporte mellorando as instalacións deportivas, ampliando as infraestruturas e acollendo, como agora, probas de alto nivel organizativo e que precisan dunha loxística importante para poderse leva a cabo”.

Ricardo Martínez felicitou á comunidade educativa por fomentar a práctica do deporte nas aulas e animou á mocidade a cultivar hábitos saudables como xeito de se enfrontar á vida e aos retos de futuro. “Xa o dicían os clásicos: mens sana in corpore sano, polo que desde ben novos temos que fomentar o equilibro entre a sabedoría e a aprendizaxe e a práctica do deporte”, indicou o alcalde.

A DEPUTACIÓN CONCÉDELLE AO CONCELLO UNHA ACHEGA DE 8.268,94 € DA LIÑA DE AXUDAS POLA SECA PARA REPOÑER O MATERIAL DESTROZADO POLOS LADRÓNS QUE ASALTARON A ETAP DE ROMAI

A Deputación de Pontevedra acaba de conceder unha subvención de 8.268,94 euros ao Concello de Portas dentro da liña de axudas pola seca que puxo en marcha o ente provincial e á que se acolleu a administración local para repoñer o material destrozado polos ladróns que asaltaron a ETAP de Romai no pasado mes de outubro.

O Concello de Portas acudiu á liña de axudas económicas a entidades locais para realizar actuacións de emerxencia que garantan o abastecemento de auga potable domiciliaria ante a situación de seca postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para poder recuperar parte do investimento realizado para poder repoñer con urxencia o material destrozado e substraído.

O importe total da subvención concedida (o 100% da axuda solicitada) irá destinado ao material informático, medidores, dosificadores de cloro e todo o sistema automatizado que dá cobertura á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Portas que foi totalmente inutilizada e destrozada no mes de outubro por un grupo de asaltantes que acabaron levándose unha das dúas electrobombas que prestaban servizo alí.

Naqueles días e con urxencia para evitar que os veciños e veciñas das parroquias de Lantaño, Portas e Romai se quedaran sen abastecemento domiciliario de auga potable, os operarios municipais e os da empresa instaladora do sistema automatizado da ETAP lograron en tempo récord habilitar un sistema provisional para dar subministro, pero que agora se tivo que completar cun novo en substitución do existente.

O alcalde, Ricardo Martínez agraceceu á Deputación de Pontevedra a súa colaboración e receptividade á petición desta axuda que encaixa perfectamente no espírito desta liña de subvencións coa que o ente provincial colabora cos concellos da provincia para facer fronte aos efectos da seca e, como neste caso, aos problemas urxente sobrevidos en materia de abastecemento de auga potable domiciliaria.

RESOLUCIÓN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA:

A XUNTA DOTA DE DOCE PUNTOS LIMPOS MÓBILES AO SERVIZO MANCOMUNADO DE PORTAS, CAMPO LAMEIRO E MORAÑA CUN INVESTIMENTO DE 72.000€

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de dotar de doce puntos limpos móbiles ao servizo mancomunado da xestión do lixo dos Concellos de Portas, Campo Lameiro e Moraña cun investimento de 72.000€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá ao acto de entrega e presentación destas infraestruturas medioambientais na Azucreira de Portas xunto ao alcalde anfitrión, Ricardo Martínez, e os rexedores de Moraña e Campo Lameiro, José Cela e Carlos Costa.

Os bos resultados acadados en materia de reciclaxe fan que os tres concellos decidiran incrementar e reforzar este servizo e veñen de beneficiarse novamente do citado financiamento ao abeiro das axudas para o tratamento de residuos de competencia municipal. Así, agora disporán de 13 puntos limpos móbiles que se distribuirán, atendendo á poboación, en Moraña (5), Portas (4) e Campo Lameiro (4).

O obxectivo desta actuación pasa pola prevención medioambiental e o impulso da recollida, separación e clasificación adecuada dos residuos especiais para o fomento da reutilización e a reciclaxe, evitando a aparición de vertedoiros incontrolados, especialmente en zonas naturais. Entre os materiais susceptibles de depósito nestes puntos limpos móbiles figuran os tóner, cartuchos de impresora, pinturas, vernices, lámpadas, tubos fluorescentes, pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, xoguetes, pezas de metal ou aerosois, entre outros.

A ANPA EN COLABORACIÓN CO CONCELLO PON EN MARCHA A LUDOTECA DE NADAL PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN LABORAL E FAMILIAR

A Asociación de Nais e Pais (ANPA), en colaboración co Concello de Portas, pon en marcha a Ludoteca de Nadal con posibilidade de acoller ao Plan Madruga desde o 23 de decembro ata o 5 de xanerio de 2023 en horario de 10 a 14 horas. O prezo é de 50 euros para socios e de 60 para non socios da ANPA.

Para participar deben formalizar a reserva de praza a través da folla de inscrición e do teléfono de contacto 600 64 72 21 (Tere).

O VINDEIRO 12 DE DECEMBRO HABERÁ UN CURSO FORMATIVO INTEGRAL E DE APROVEITAMENTO DE PIÑEIRAIS QUE SE CELEBRARÁ EN PORTAS

O proxecto Depoforest Xestión integral e aproveitamento de piñeirais’ que ten como obxectivo a mellora da capacidade para encontrar emprego das personas en situación de desemprego , especialmente mulleres, xóvenes, maiores de 45 años, e residentes en zonas rurais protexidas, que teñan interese en traballar no sector forestal e no medio natural estará en Portas o 12 de decembro.

▶️ Tratase dun proxecto formativo para a creación de emprego da Deputacion de Pontevedra dentro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad. O programa é gratuito.

▶️ Consta de 5 accións de formación presencial e talleres prácticos . O noso programa formativo recolle e pon en valor a multifuncionalidade dos bosques a través dunha xestión innovadora, que axuda ao desenvolvemento socioeconómico de espacios forestais e comarcas da provincia de Pontevedra.

▶️ Ademais de preservar e mellorar os socio-ecosistemas relacionados coa actividade de extracción de resinas naturais, co obxeto de garantir e potenciar a mixtura de usos (pastoreo, recreo, educativo, aproveitamento micolóxico, conservador e forestal productivo), unha innovación centrada nos propietarios e comunidades de montes, cun claro retorno sociocultural, económico e ambiental da inversión realizada baseada na bioeconomía, no mantemento dos servicios ecosistémicos, o desenvolvemento rural e que faciliten a integración de mulleres e xuventude. Pretendese convertir o medio forestal nunha oportunidade laboral para os habitantes do medio rural.

▶️ A data de inicio prevista no concello de Portas é do 12 de decembro ata 27 de decembro en horario de 9:00-14:00 na Casa da Cultura e MMCC Liñar.

✅ Para poder participar debe remitir ben por correo electrónico ou ben presencialmente o día de inicio da acción formativa (Copia do DNI, Tarxeta Demandante de Emprego (actualizada))

✅ Calquer cuestión ou dubida do proxecto Depoforest poden contactar co servicio de medioambiente mediante a dirección de correo medioambiente@depo.es ou ben no teléfono 886 210 725 .

O ALUMNADO DO CPI DOMINGO FONTÁN DE PORTAS CONMEMORA O 25-N CUN MURAL FEITO CON DESEXOS DOS NENOS E NENAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O alumnado do CPI Domingo Fontán de Portas conmemorou o 25-N, Día Internacional pola eliminación da Violencia de Xénero contra as Mulleres, con diversos actos reivindicativos entre os que destacan a lectura dun manifesto por parte do alcalde, Ricardo Martínez, e a confección dun mural a base de tarxetas escritas polos nenos e nenas con “desexos” e consignas pola supresión da violencia de xénero.

O acto contou coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, a concelleira Ana Peña Maquieira, o director do CPI Domingo Fontán, Luís Villaverde Platas e o corpo docente así como a totalidade do alumnado que tamén colaborou na elaboración dunha bugambilla da cal os nenos nenas foron pendurando debuxos das súas mans en solidariedade coas vítimas da violencia de xénero.

No manifesto, lido polo alcalde, fixo fincapé no compromiso explícito que o Concello de Portas ten en contra da violencia de xénero e instou ás novas xeracións a medrar en igualdade, con respecto e rexeitando calquera comportamento agresivo e díxolles que “vós sodes o futuro e tedes un importante papel por diante que non é outro que contribuír co voso esforzo a construir unha sociedade mellor e un futuro en igualdade, respectuoso e non violento”.

Finalmente, Ricardo Martínez sinalou que “todos temos que poñer todo o que poidamos da nosa parte para impedir que exista violencia no mundo, especialmente contra as mulleres e as nenas. Temos que ser corresponsables todos dun novo modelo de comportamento onde o respecto, a igualdade e o bo trato entre homes e mulleres sexa o camiño por onde nos teñamos que conducir sempre”.

O CONCELLO DE PORTAS CONMEMORA O 25-N, DÍA INTERNACIONAL POLA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO CONTRA AS MULLERES

🟣 Con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, o Concello de Portas, en representación de toda a cidadanía, mostra a súa total repulsa por todas e cada unha das manifestacións da violencia.

Todos e todas sabemos que a violencia de xénero afástanos dos principios xurídicos básicos da igualdade e xustiza social, impedindo o desenvolvemento das liberdades máis elementais.

A pesares de existir unha maior conciencia por parte da sociedade ante esta problemática, somos conscientes de que aínda persisten roles e estereotipos sexistas que, instalados na vida diaria, perpetúan a desigualdade de xénero.

O Concello de Portas, desenvolve desde hai anos numerosas accións contra a violencia de xénero e ven impulsando, con carácter permanente e de proximidade, distintas actuacións para contribuír a loitar contra esta problemática estrutural.

Hoxe, 25 de novembro, o Concello de Portas volve renovar o seu compromiso irrenunciable de loita e condena contra a violencia de xénero, amosando ademais, o noso rexeitamento de quen as exerce e da complicidade de quen as silencia.

O Concello de Portas proclámase “CONCELLO CON TOLERANCIA CERO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”.